A reforma integral do multiusos da Xunqueira farase en cinco meses

Pontevedra
25 de xaneiro 2018

Cinco meses. É o prazo de execución que terán que cumprir as empresas que opten ao contrato para a reforma integral do multiusos da Xunqueira. Trátase dunha actuación orzada en 2.143.038 euros e que será cofinanciada entre o Concello de Pontevedra e os fondos europeos que achega a estratexia DUSI

Exterior do Pavillón Multiusos da Xunqueira Mónica Patxot

Cinco meses. É o prazo de execución que terán que cumprir as empresas que opten ao contrato para a reforma integral do multiusos da Xunqueira. Trátase dunha actuación orzada en 2.143.038 euros e que será cofinanciada entre o Concello de Pontevedra e os fondos europeos que achega a estratexia DUSI.

É o terceiro proxecto europeo que inicia o concurso de adxudicación, tras saír a contratación a semana pasada tanto a reforma do Gorgullón e a peonalización da ponte do Burgo. Neste caso saíu publicado no Diario Oficial de Galicia.

Trátase dunha actuación centrada na adecuación interior e mellora da eficiencia enerxética, pero desde o Concello asegura que excepto a estrutura do edificio vai cambiar todo o pavillón.

Entre as actuacións previstas atópase a instalación dunha nova cuberta con illante térmico, a impermeabilización do teito, o cambio da cristalería nos laterais do pavillón, unha instalación nova de electricidade, fontanería, sistemas antincendios, novas caldeiras e sistema de quecemento de auga a través de placas solares.

Ademais adaptarase a instalación para que sexa plenamente accesible, así como os seus aseos.

No orzamento inclúese tamén o cambio das dúas pistas deportivas, a mellora do equipamento e a reforma dos 18 vestiarios para equipos, os tres para árbitros e os almacéns, xa que a instalación presta servizo aos campos de fútbol da Xunqueira.

As empresas poderán tamén ofertar melloras para ter máis opcións de facerse con este suculento contrato. O Concello pediu que se inclúan, na medida do posible, a colocación de marcadores con pantallas LED, a instalación de cortinas divisorias motorizadas para separar as pistas e a dotación de equipamento deportivo para o ximnasio.