A Semana Galega de Filosofía reflexionará en Pontevedra sobre "o común"

Pontevedra
20 de febreiro 2018

Esta cita cultural desenvolverase no Teatro Principal de Pontevedra entre os días 2 e 6 de abril de 2018

Recepción do alcalde á Aula Castelao de Filosofía Gabriela Varela Asorey

As responsables da aula Castelao de Filosofía presentaron este martes ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a edición número 35 da Semana Galega de Filosofía que terá como título "Filosofía e o Común".

Esta cita cultural desenvolverase no Teatro Principal de Pontevedra entre os días 2 e 6 de abril de 2018.

A programación da Semana Galega de Filosofía será presentada ao público o vindeiro venres día 23, pero este martes Ana Regueira e Montse Bragado, da aula Castelao, fixeron un avance ao alcalde desvelando que un dos relatores invitados será César Rendueles, filósofo e profesor de socioloxía, experto en filosofía política e xestión cultural, que ofrecerá a súa visión acerca dos bens comúns e a sociedade contemporánea.

Tamén contarán con Pablo Carpinteiro, investigador e musicólogo, que traballou no proxecto Ronsel da Universidade de Vigo para a recuperación do Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia. Anuncian que será unha intervención cun carácter "moi didáctico".

Ana Regueira xustificou a temática de "o común, a comunidade, o público, o colectivo" elixida nesta ocasión "para facer unha reivindicación da historia da aula" que "naceu como un foro aberto" que pretendía "crear país".

Ademais os organizadores da Semana, segundo explicou Ana Regueira, consideran que "estamos a vivir unha época moi dura na que a xente parece estar desmoralizada" polo que expuxeron unha edición "en positivo" para destacar que "hai outras opcións, outras alternativas" ao capitalismo que  "nos está levando á debacle" e que hai moitas persoas que están "a traballar para rexenerar esta sociedade" nunha aposta clara por "traballar conxuntamente" recuperando o colectivo.

Fernández Lores mostrouse convencido de que o tema elixido "está enmarcado dentro da nosa política municipal" e fixo alusión ao modelo urbano "dunha cidade pensada para as persoas" co obxectivo da "recuperación do espazo público" para fomentar a "cohesión e participación social".

A Semana Galega de Filosofía estruturarase conforme ao modelo xa coñecido de sesións teóricas pola mañá centradas no público especializado, as tardes dedicadas a analizar a realidade específica de Galicia e as noites cun carácter divulgativo.

Un ano máis este evento ten un carácter gratuíto e aberto, estando homologadas pola Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia.