A Fundación Amigos de Galicia puxo cifras á solidariedade que reparte a diario aos veciños de Pontevedra. Nun detallado informe referido á capital, revelaron que durante o ano 2016 repartiron 339.730,22 euros en alimentos, produtos de hixiene, mobiliario, xoguetes, material escolar e roupa, á vez que o seu servizo de orientación laboral atendía a 188 persoas.
Segundo as cifras facilitadas, esta entidade atendeu durante o ano pasado a 321 unidades familiares de Pontevedra compostas por un total de 994 persoas, das que 552 son adultos e 442 menores.
Repartíronlles alimentos perecedoiros e non perecedoiros unha vez ao mes, produtos de hixiene persoal e limpeza do fogar, mobles, electrodomésticos, xoguetes na campaña de Nadal, lentes graduadas, vestimenta e material escolar ao longo de todo o ano. Cada unha destas familias recibiu unha media mensual de 185,8 euros.
Ademais, durante o último ano entregaron 3.039 euros en mobiliario e 759 euros en electrodomésticos na cidade e incrementaron a entrega de roupa, en especial de abrigo durante o inverno.
En canto ao Servizo de Orientación Laboral da Fundación, 188 veciños beneficiáronse de varios proxectos de emprego elaborados pola Fundación coa colaboración do Concello de Pontevedra e a Deputación de Pontevedra.
Parte da axuda que logo reparte entre os pontevedreses recíbea do programa municipal RedeAxuda. O ano pasado entregoulle 3.059 quilos de alimentos e produtos de primeira necesidade valorados en 9.591 euros, entre eles, 1.442 produtos de alimentación infantil, 809 produtos de hixiene, material escolar e cadeiras de coche para bebés.