A veciñanza de Ponte Sampaio lamenta que o Sergas non concrete data para o regreso do médico

Pontevedra
31 de xullo 2020

Está previsto que nas próximas semanas un técnico do Sergas acuda a Ponte Sampaio, acompañado por un técnico do Concello, para revisar as instalacións do consultorio e avaliar a súa viabilidade para acoller de novo a consulta do médico

Candeas e cruces no consultorio de Ponte Sampaio PontevedraViva

Tras a xuntanza co xerente da área sanitaria de Pontevedra, a plataforma veciñal creada en Ponte Sampaio e A Canicouva en defensa da sanidade pública non está conforme coas explicacións aportadas polo Sergas.

Está previsto que nas próximas semanas un técnico do Sergas acuda a Ponte Sampaio, acompañado por un técnico do Concello, para revisar as instalacións do consultorio e avaliar a súa viabilidade para acoller de novo a consulta do médico.

Ademais, o Sergas trasladou que se revisarán "sen excepcións" todos os locais dispoñibles na parroquia para ver cal encaixa mellor nas necesidades sanitarias. Con todo, lamentan que non haxa unha data concreta para estas visitas.

Pero o que máis lle preocupa á veciñanza é que, aínda que o xerente da área sanitaria asegura que se reporá o servizo médico, "non sabe nin ten idea de onde ou cando".

O que está claro, segundo esta plataforma, é que durante os catro meses que Ponte Sampaio leva sen médico, o Sergas "non fixo nada para resolver esta situación", o que provoca que moitas persoas estean "desamparadas" e sen posibilidade de ser atendidos das súas doenzas.