A violencia vicaria centrará o programa do 25N en Pontevedra

Pontevedra
08 de novembro 2021

En Pontevedra este ano o programa de actos centrarase na violencia vicaria, entendida como aquela que ten como obxectivo danar á muller a través dos seus seres queridos e especialmente dos seus fillos  

Yoya Blanco, Rosa Campos e Mercedes Renda PontevedraViva

A concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, presentou este luns o programa de actividades que organiza o Concello de Pontevedra ao redor da celebración o 25 de novembro,  Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Este ano o programa de actos centrarase na violencia vicaria, entendida como aquela que ten como obxectivo danar á muller a través dos seus seres queridos e especialmente dos seus fillos.

Un "contundente" cartel da ilustradora pontevedresa Tania Solla difundirá a "campaña activa de loita" que tratará de "concienciar" á cidadanía fronte a esta lacra, segundo apuntou a concelleira. O cartel publicitarase nos centros sociais, mupis, escaparates e nunha lona que se colgará, o día 10 de novembro, do balcón da vella Casa do Concello.

O 24 de novembro, ás 19 horas na Casa das Campás haberá un faladoiro aberto a toda a cidadanía na que se abordará este problema da violencia vicaria.

Ademais as responsables do Centro de Información á Muller (CIM) están a elaborar un manifesto que será lido por unha filla dunha vítima de violencia de xénero, que tamén sufriu esta violencia vicaria.

A programación tamén inclúe dúas obras que poñerá en escena a compañía Redrum Teatro. Por unha banda repite en Pontevedra "Invisibles", unha historia baseada no libro de Montse Fajardo que presenta a varias mulleres, de idades e perfís sociais diferentes, cun único fío condutor: a violencia de xénero. Será o martes 23 de novembro.

Antes, o xoves 18 de novembro, haberá unha proposta similar pero enfocada ao público adolescente co fin de concienciar, educar en igualdade e inculcar valores que preveñan a violencia de xénero. Este novo espectáculo de Redrum Teatro chámase "2Pilgrims" e nel contan as vivencias dos seus dous protagonistas polo Camiño de Santiago tocando temas como o feminismo, as novas masculinidades, a importancia actual das redes sociais ou o coidado ambiental.  

A programación elaborada polo 25N contempla unha nova edición da exposición fotográfica "Namórate de ti". Un total de 16 comercios das rúas Castelao e Cruz Gallástegui mostrarán o traballo realizado nuns talleres impartidos pola animadora sociocultural Tegra Gómez e a fotógrafa e creativa Patricia Maquieira para fomentar o empoderamento e a autoestima das mulleres.

Tamén haberá un curso de autodefensa, o 11 de decembro na Casa Azul e organizado pola Concellería de Igualdade, e convócanse os premios Ernestina Otero, que desde o 2018 premian proxectos educativos de primaria, secundaria e  postobligatorias de centros de Pontevedra.

Yoya Blanco instou á cidadanía para involucrarse nesta "loita contra o terrorismo machista que mata, que nos mata a todas e aos nosos fillos".