A voltas no Parlamento de Galicia cos futuros usos do Hospital Provincial

Pontevedra
21 de marzo 2017

En Marea presentou unha moción na que reclama asegurar no Plan Funcional que o uso do actual Hospital Provincial será exclusivamente sanitario. Ademais tamén solicitou que se licite e adxudique o proxecto para a ampliación do hospital de Montecelo neste ano. Jacobo Moreira foi o encargado de responder dende as filas populares para pedirlle á oposición "seriedade"

A deputada de En Marea, Eva Solla En Marea

O grupo de En Marea presentaba este martes no Parlamento de Galicia unha moción na que se instaba á Xunta de Galicia a adoptar unha serie de medidas para atender a área sanitaria de Pontevedra. A primeira das medidas que reclama a deputada Eva Solla é que se licite e se adxudíque en 2017 a ampliación do hospital de Montecelo. Sinala que se acumulan xa oito anos de atrasos neste proxecto por parte da actual administración autonómica.

En Marea lamenta que non se trasladaron os servizos que se atopan en peores condicións no Hospital Provincial a Montecelo e que non se tiveron en conta as opinións dos profesionais de sanidade pública á hora de anunciar a licitación do proxecto. Neste sentido, pediu que se adopten as melloras necesarias no Provincial e asegurar no Plan Funcional que o uso deste centro sexa exclusivamente sanitario.

En Marea entende que o Hospital Provincial non debe converterse nunha residencia para a terceira idade e avoga pola recuperación do antigo asilo de Pontevedra, que contaba con 160 prazas para anciáns.

RESPOSTA DO PP

Pola súa banda, o grupo do Partido Popular a través do deputado Jacobo Moreira sinalaba que para a ampliación de Montecelo non se vai utilizar a fórmula público-privada, xa que a "boa xestión do goberno de Núñez Feijóo" permitiu acometer a construción con fondos propios.

Ademais, o representante popular sinalou que é imposible adxudicar o proxecto da ampliación este ano e que se fará, como xa anunciara o conselleiro de Sanidade, a finais de 2018 ou a principios de 2019. Alegou que é necesario superar a tramitación técnica e administrativa do plan de usos e do Plan Funcional, expropiacións e avaliación do impacto ambiental, entre outras cuestións. Sinalou que dotar a esa zona de Montecelo dun aparcadoiro para atender a demanda dos pacientes corresponde ao Concello de Pontevedra. 

Por último, Moreira criticou a "lea" que a oposición está a montar sobre o uso do Hospital Provincial. Explicou que o PSOE solicita en Pontevedra un uso exclusivamente sanitario, mentres no Parlamento piden un uso sociosanitario. Pola súa banda, continuou, o BNG reclama uso prioritariamente sanitario e En Marea exclusivamente sanitario, desmarcándose do "texto da iniciativa lexislativa popular promovida pola Plataforma pola Sanidade Pública", lamentou.

Concluíu confirmando que a Xunta ten previsto instalar alí a residencia para maiores.