A Agrupación Sindical de Profesionais da Saúde de Galicia (Prosagal) deu a coñecer que na mañá deste mércores a xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés comunicoulles que poñerán fin á situación de peche de camas hospitalarias que se mantén desde o pasado verán e que este colectivo sanitario leva denunciando semanas.
Unha vez recibida esta comunicación, desde Prosagal indican que, se se cumpre, daría por concluídas as súas reivindicacións de reapertura de camas e poñería fin a futuras mobilizacións e medidas que tiñan xa debatidas os integrantes da xunta directiva para aplicar a longo prazo.
"Velaremos, deste xeito, que as palabras e promesas da xerencia se apliquen e non queden en saco roto novamente", indica a agrupación sanitaria, que centrou as súas reivindicacións en que se reabran as unidades pechadas de Medicina Interna III.
Por outra banda, o colectivo recibiu este mércores o apoio da concelleira de Cidadáns en Pontevedra, María Rey, que presentou en comisión unha moción para o seu debate no próximo pleno da corporación esixindo a reapertura das camas e unidades pechadas.
Prosagal solicitou a todos os grupos políticos que se implicasen na reapertura de unidades que a xerencia se compremetera a abrir o 1 de outubro e mantiña pechadas. María Rey deullo de forma explícita e o concelleiro de Marea Pontevedra, Luís Rei, comunicoulles que apoiaba esa moción de María Rey e outra a presentar noutra institución, o Parlamento de Galicia. Ademais, nos últimos días sumaron o apoio do grupo municipal socialista.
FOLGA NO SERGAS
As organizacións sindicais CIG-Saúde, UXT, CCOO, CSIF, SAE e SATSE anunciaron este mércores unha convocatoria de folga no Servizo Galego de Saúde para os días 2 e 3 de novembro e concentracións previas os días 19 e 25 de outubro.
A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, explicou que a convocatoria responde á negativa da consellería de Sanidade a sentar a negociar un calendario para recuperar os acordos retributivos e a carreira profesional.