A Xunta abre o proceso expropiatorio para construír unha senda peonil entre Pardavila e Cadro

Marín
18 de agosto 2021

A intervención suporá un investimento autonómico de preto de 650.000 euros, conta cun prazo de execución de 9 meses e servirá para construír un itinerario na marxe esquerda da estrada PO-313 ao seu paso por estas localidades marinenses  

Obras de creación da senda peonil e ciclista entre Coirados e Pardavila, en Marín

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes o anuncio polo que se convoca para os meses de setembro e de decembro aos propietarios dos terreos necesarios para executar unha senda na estrada autonómica PO-313, entre Pardavila e Cadro, no concello de Marín.

O acto expropiatorio de levantamento de actas previas fíxase para o día 29 de setembro, entre as 10 e as 12 horas, no salón de plenos do Concello de Marín. Posteriormente, convocarase os titulares dos terreos á formalización das actas de ocupación, logo do aboamento dos depósitos previos

Esta nova actuación do departamento que dirixe Ethel Vázquez suporá un investimento autonómico de preto de 650.000 euros e os traballos contan dun prazo de execución de 9 meses.

Trátase da construción dun itinerario na marxe esquerda da estrada PO-313, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 3+330 e 4+130, coa finalidade de seguir mellorando a seguridade viaria na contorna e fomentar a mobilidade sostible. O novo itinerario proxéctase en formigón cor terrizo e estará limitado exteriormente por un bordo que o diferencie do resto da plataforma. O ancho do itinerario será variable, sendo como mínimo de 1,8 metros.
 
De modo complementario mellorarase a seguridade viaria dunha intersección, instalarase unha nova marquesiña nunha parada de bus e trasladarase lixeiramente un cruceiro que hai na marxe esquerda da estrada.