A Xunta nega que haxa "amiguismo" na concesión dunha vacante en Restauración

Pontevedra
22 de abril 2016

Profesores, estudantes e a xunta de persoal denuncian que se convoca unha praza para unha especialidade que non se atopa entre os seus estudos da Escola Superior de Conservación e Restauración. Anuncian que acudirán a instancias xudiciais se a Xunta non dá marcha atrás nesta decisión

Profesores, estudantes e sindicatos da Escola de Conservación e Restauración PontevedraViva

A comunidade universitaria estuda presentar unha denuncia en instancias xudiciais ante a concesión dunha vacante na Escola Superior de Conservación e Restauración de Pontevedra. Sindicatos, profesores e estudantes vinculados ao centro denunciaron en rolda de prensa a falta de coherencia desde un punto de vista didáctico, académico e laboral desta decisión.

A praza docente convocouse e adxudicou provisionalmente na especialidade de Conservación e restauración de Documento Gráfico, unha vacante que non foi solicitada pola dirección da Escola, nin polo Inspector nin polo Xefe Territorial de Educación de Pontevedra. Segundo denuncia o profesor Fernando Carreira, o grave desta decisión é que o centro pontevedrés non oferta esa especialidade entre os seus estudos. Por este motivo, os sindicatos, profesores e alumnos entenden que a única explicación desta concesión é o "amiguismo" sinalando que a Xunta comete unha irregularidade administrativa. Lamentan a falta de transparencia e obxectividade por parte da administración e reclaman que se dea un paso atrás nesta decisión. Pola contra ameazan con acudir á Xustiza e presentar unha demanda para evitar que a Escola  se convirta "nun feudo onde a Xunta poida meter a quen lle dea a gana", apuntou a alumna Marta Suárez.

Xabier Pérez, presidente da xunta de persoal, alerta de que se trata dun tema gravísimo. E sinala que mentres é dificílisimo que se cubran vacantes imprescindibles noutros centros de educación da provincia, neste caso o proceso foi rapidísimo.

VERSIÓN DA XUNTA

José Manuel Pinal, director xeral de centros, alegou a preguntas de PontevedraViva que se trata do procedemento que leva a cabo todos os anos nun concurso de traslados e no que se cumpren uns requisitos para participar. Por este motivo rexeita as críticas por "enchufismo". Pinal afirma que as apreciacións "que se poden facer son moi súas pero non son compartidas, desde logo, nin moito menos".