Apenas cinco prazas de policía para Pontevedra e tres para Marín. Esa é a proposta que presentou a Dirección Xeral da Policía para cubrir vacantes en ambas as comisarías. Trátase, segundo o sindicato UFP, dunha oferta "insuficiente" que non resolverá as carencias que se rexistran na provincia de Pontevedra.
A UFP asegura que os policías nacionais de Pontevedra síntense "ninguneados e abandonados" pola administración e afirma estar "cansos" de poñer as súas vidas en risco para que se expoña "semellante burla".
O sindicato policial lembra que a comisaría de Pontevedra ten un déficit de prazas que cifran nun 40%, unha circunstancia agravada polo traslado da sala do 091 a Vigo, e a pesar de que se están xubilando un "número importante" de axentes, só consideran repoñer cinco destas prazas. É "verdadeiramente inconcibible", denuncian.
Marín é, neste sentido, unha zona "catastrófica" porque advirten que "hai días en que non hai coches patrulla nin nada" e rexístranse colas "olímpicas" para facerse o DNI. Con todo, crearanse tres novas prazas.
Á situación de ambas engaden Vilagarcía, onde non está previsto que chegue ningún axente novo, o que provocará que a súa comisaría "pase de especie protexida a especie en extinción".
Ante esta situación, a UFP fai un chamamento aos políticos para que tenten cambiar esta decisión do Ministerio do Interior e buscar unha solución a este problema, especialmente, ao xefe superior da Policía en Galicia para que os "defenda", á nova subdelegada do Goberno en Pontevedra e aos alcaldes dos respectivos concellos.