Adxudicada a construción da nova depuradora de Barro

Barro
29 de novembro 2025

A Xunta de Galicia mantén os prazos previstos para a súa construción e prevé que estea finalizada a finais de 2026

Parcela na que se construirá a nova EDAR de Barro Concello de Barro

Mais de cinco meses despois da súa licitación, a Xunta de Galicia anuncia a adxudicación do contrato para a construción da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) no Concello de Barro.

Destinará preto de 3 millóns de euros nunha infraestrutura que pretende mellorar o saneamento no municipio.

Dáse desta forma un novo paso para habilitar a EDAR, que permitirá dar servizo a unha poboación equivalente de 2.631 habitantes no horizonte do ano 2044.

O goberno autonómico mantén ademais os prazos para que entre en funcionamento, coa previsión de que estea finalizada no segundo semestre de 2026.

Na actuación inclúese o edificio de explotación e instalacións auxiliares como desodorización, auga industrial e centro de control.

A maiores executarase tamén un bombeo, a prolongación da rede de saneamento para a conexión da nova estación depuradora, urbanización e acceso ás novas instalacións, dotación de servizos de subministración e as infraestruturas necesarias para completar o sistema de depuración municipal.

A Consellería de Medio Ambiente e o Concello de Barro asinaron no seu día un convenio de colaboración que establecía a achega por parte de Augas de Galicia do 80% do investimento e o 20% restante correría a cargo da administración local.

Este proxecto finánciase con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea-NextGenerationUE.