Adxudicadas en Caldas as obras de reposición do muro de contención de Segade

Umia
19 de maio 2020

O proxecto tivo que esperar a ter as autorizacións de Patrimonio e de Augas de Galicia

Derrube dun muro de contención da estrada en Segade de Abaixo Protección Civil de Caldas de Reis

A empresa Emdesfor será a encargada de proceder á reposición do muro de contención que se derrubou no núcleo de Segade de Abaixo, na parroquia de Santa María de Caldas de Reis. Tras contar coas autorizacións de Patrimonio e de Augas de Galicia, o Concello adxudicou este martes as obras que están financiadas pola Deputación e teñen un orzamento de case 38 mil euros.

O derrube produciuse o pasado inverno, cando colapsou consecuencia dos temporais rexistrados naquel momento. O incidente obrigou a cortar o via superior e o camiño peonil inferior, deixando incomunicadas parcialmente algunhas vivendas.

O feito de que o proxecto requirise autorización de Patrimonio débese a que se atopa na contorna de protección do Muíño das Pontellas e da Ponte de Portugalete, incluído no catálogo de bens de Patrimonio Cultural de Galicia. E o permiso de Augas de Galicia responde a que a actuación está nunha zona de afectación da marxe dun leito fluvial.

Ambos os organismos nos seus respectivos permisos fan constar unha serie de condicións como os materiais para empregar tanto no muro como o camiño peonil, así como a preveservación da vexetación na ribeira do río Umia. A actuación prevista afectará a un tramo de dezaoito metros.