Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, visitou este mércores Bueu para participar na sinatura do convenio de colaboración co Concello que permitirá acometer a humanización da rúa Pazos Fontenla.
O acordo establece que a administración autonómica asumirá o 70% do custo desta actuación, dividida en tres fases, sendo a primeira a de maior envergadura económica e técnica.
Os traballos teñen como obxectivo actualizar unha rúa que vertebra o núcleo urbano e que require adaptarse ao crecemento demográfico e comercial da zona.
O proxecto estrutúrase na renovación integral dos servizos canalizados baixo terra e a reordenación da superficie para facilitar o tránsito peonil e mellorar o espazo público.
"Este Concello foi crecendo, foi evolucionando, e necesitaba esta adaptación", apuntou o presidente autonómico lembrando que as persoas "queren entornos cada vez máis amigables".
Tras a rúbrica do documento co alcalde nacionalista de Bueu, Félix Juncal, a xestión do proxecto pasa a mans do ámbito municipal, que deberá tramitar a licitación, adxudicación e inicio das obras.
O calendario administrativo prevé que os primeiros traballos comecen neste 2026, cunha partida orzamentaria xa asignada, que se sitúa en 2,4 millóns de euros, aínda que o groso da execución material e do investimento se concentrará durante os anos 2027 e 2028.
Alfonso Rueda enmarcou esta colaboración dentro da liña de apoio que a administración autonómica mantén con diversos municipios de tamaño medio para afrontar investimentos de gran contía, citando intervencións similares en concellos como Poio ou O Grove.
Do mesmo xeito, o presidente galego sinalou que a política de infraestruturas da Xunta prioriza actualmente a finalización dos tramos pendentes nas autovías de titularidade autonómica e o mantemento da rede viaria existente.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.