A Xunta de Galicia activou para este luns 24 de febreiro a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego, con especial incidencia na provincia de Pontevedra.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o temporal estará activo desde primeiras horas da mañá no noroeste e oeste da Coruña, estendéndose ao suroeste da costa coruñesa, á Mariña lucense e ao litoral pontevedrés.
A alerta prolongarase ata a noite, cun mar combinado do oeste ou noroeste e ondas de ata seis metros.
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, dependente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación aos concellos afectados, deputacións, servizos provinciais, agrupacións de voluntarios de Protección Civil e clubs náuticos, entre outros.
Ademais, a Secretaría Xeral para o Deporte anunciou a suspensión da actividade deportiva federada no mar durante toda a xornada nos concellos afectados.
A Xunta recomenda á cidadanía manterse afastada da liña de costa, incluíndos diques, rompentes e paseos marítimos.
Tamén se insiste en revisar os cabos e amarres das embarcacións, retirar obxectos que poidan caer desde tellados, balcóns ou fiestras, e evitar pasar preto de árbores, paneis publicitarios ou edificios en construción ou ruínas.
Segundo Meteogalicia, este luns chegará a Galicia unha fronte fría activa que cruzará a comunidade de oeste a leste.
As chuvias comezarán nas primeiras horas na provincia da Coruña e estenderanse ao resto das provincias a partir do mediodía, sendo localmente fortes na metade norte e oeste.
En Pontevedra, as temperaturas nas Rías Baixas oscilarán entre os 10 e os 15 graos. O vento soprará forte do sur-suroeste no litoral, moderado no interior, e rolará a noroeste co paso da fronte.
A Xunta recomenda consultar a páxina web do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia (www.axega112.gal), que ofrece información meteorolóxica actualizada e ligazóns de interese para seguir a evolución do temporal.