Allegue confirma que o PIA de San Amaro "avanza segundo o previsto"

Pontevedra
24 de xullo 2026
Actualizado: 7:20

A conselleira avanzou que a resolución que regulará a participación dos afectados está practicamente lista e será publicada en breve no Diario Oficial de Galicia

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue

A Xunta afronta unha nova fase na tramitación do Proxecto de Interese Autonómico (PIA) de San Amaro. Nas próximas semanas abrirá o prazo para que os propietarios dos terreos decidan si se incorporan ao desenvolvemento urbanístico do futuro barrio, unha actuación que transformará 21 hectáreas situadas ao norte de Pontevedra e permitirá construír ao redor de 2.010 vivendas, a maior parte protexidas.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asegurou este xoves que o calendario previsto está a cumprirse e avanzou que a resolución que regulará a participación dos afectados está practicamente lista e será publicada en breve no Diario Oficial de Galicia.

A Administración autonómica ofrece aos propietarios integrarse no desenvolvemento mediante unha fórmula de colaboración público-privada.

Os que acepten deberán asumir o custo da urbanización en función da superficie de solo que acheguen, aínda que o desembolso se realizará de forma progresiva, conforme se vaian certificando as distintas fases das obras. A participación poderá facerse de forma individual ou agrupada con outros propietarios.

A cambio, recibirán parcelas edificables destinadas a vivenda libre, equivalentes ao 20% do aproveitamento urbanístico reservado para este uso.

Sobre eses terreos recaerá a obrigación de promover novas vivendas, aínda que ese compromiso poderá cederse posteriormente a outro promotor unha vez adxudicadas as parcelas.

Os propietarios que opten por non participar no proxecto serán expropiados, tal e como contempla o procedemento deseñado pola Xunta para executar o PIA.

O ámbito de actuación afecta actualmente a trece inmobles. Dous deles atópanse en estado de ruína e outro corresponde a un galpón, mentres que para as vivendas habitadas a Xunta expón distintas solucións de realoxo. Entre elas figura a construción de vivendas unifamiliares de substitución dentro do propio ámbito de San Amaro, nunha zona que será urbanizada especificamente para ese fin.

Segundo explicou Allegue, as conversas cos afectados continúan abertas tanto para pechar as adhesións ao sistema de cooperación como para concretar os acordos de realoxo ou as indemnizacións económicas cando corresponda.

A conselleira evitou precisar cantos propietarios mostraron xa a súa disposición a incorporarse ao proxecto, aínda que asegurou que o interese existe. "Habelos hainos e moitos, pero serán eles os que o teñan que dicir", sinalou.

Mentres se desenvolve este proceso, a Xunta avanza tamén na contratación da urbanización do futuro barrio. O Goberno galego xa licitou por preto de 800.000 euros a redacción do proxecto de urbanización, cuxo prazo para presentar ofertas finalizará en setembro.

O PIA de San Amaro constitúe unha das principais bolsas de crecemento residencial previstas para Pontevedra nos próximos anos. Ademais das máis de dúas mil vivendas proxectadas, a actuación está deseñada para acoller a uns 4.000 novos veciños e converterse nun dos principais desenvolvementos urbanísticos da cidade, co obxectivo de incrementar a oferta de vivenda e facilitar o acceso á mesma, especialmente entre a poboación nova e as familias.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora