O Concello de Pontevedra acolleu este luns unha recepción institucional a representantes de Amencer-ASPACE con motivo do 35 aniversario da entidade, nun encontro encabezado polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e pola concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías.
Durante o acto púxose en valor a traxectoria dunha asociación que xurdiu en 1991 a iniciativa de varias familias de persoas con parálise cerebral co obxectivo de ofrecer unha resposta educativa e asistencial ás necesidades dos seus fillos.
Co paso dos anos, aquel proxecto inicial evolucionou ata converterse nun referente galego na atención á discapacidade, contando na actualidade con centros en Pontevedra, Vilagarcía e Vigo.
Na recepción participaron tamén o presidente da entidade, Carlos Godoy; a xerente, Mónica Touriño; así como usuarios, profesionais, familiares e voluntariado vinculados á asociación.
Entre eles estiveron Suso Ferreiro, residente na vivenda de Amencer-ASPACE en Pontevedra; a logopeda Begoña Sacristán, considerada a traballadora máis veterana da entidade; Isabel Portas, nai dunha alumna do centro de Lourizán; e Silvia Rey, voluntaria responsable do programa Rodando.
No transcurso do encontro, Carlos Godoy destacou o apoio mantido polo Concello de Pontevedra ao longo da historia da asociación, subliñando especialmente dous proxectos que cualificou de fundamentais para o desenvolvemento de Amencer-ASPACE.
Foron a cesión do edificio que alberga o Centro de Atención de Lourizán, sede principal da entidade, e a creación da nova vivenda residencial inaugurada en setembro de 2024 para atender unha demanda histórica das familias usuarias.
Pola súa banda, o goberno local quixo recoñecer o labor social desenvolvido pola asociación durante máis de tres décadas, resaltando a súa contribución á mellora da calidade de vida das persoas con parálise cerebral e o acompañamento prestado ás súas familias.