Amplían e rebaixan as beirarrúas do Campo da Torre para crear un espazo peonil continuo

Pontevedra
16 de outubro 2024

Dentro desta actuación tamén se inclúen os traballos para refacer o entronque coa rúa Campo da Torre, substituíndo as escaleiras que baixaban cara a Beiramar por unha rampla

Obras de accesibilidade no Campo da Torre Concello de Pontevedra

O barrio da Moureira, especialmente a conexión entre o Campo da Torre e a rúa Víctor Said Armesto, está a ser obxecto dunhas obras de accesibilidade que foron deseñadas coa idea de crear un espazo peonil continuo neste ámbito urbano.

O concelleiro responsable da área de servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda, que visitou este mércores os traballos que se están a executar nesta zona da cidade, explicou que esta actuación ten como obxectivo garantir a circulación e a seguridade da veciñanza.

A obras comezaron na rúa Víctor Said Armesto, onde se está a crear un novo paso de peóns cara á praza de touros que permitirá permeabilizar a entrada ao barrio.

Posteriormente continuarán ata a rúa Almirante Matos para darlle continuidade ao circuíto peonil e cara á rúa Celestino Poza Pastrana, onde xa se executa a reforma dun sobrante de vía pública infrautilizado para incorporalo á beirarrúa.

Ademais, respectarase todo o arborado do lugar.

Dentro desta actuación tamén se inclúen os traballos para refacer o entronque coa rúa Campo da Torre creando un espazo accesible ao retirar as escaleiras que baixaban cara a Beiramar substituíndoas por unha rampla.

Nesta zona tamén se pintará un paso de peóns que permitirá o acceso á rúa Juan Villaverde e as vivendas máis antigas do barrio da Moureira.

Obras de accesibilidade no Campo da Torre Concello de Pontevedra

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora