A candidata do PP ao Congreso por Pontevedra, Ana Pastor, defendeu este martes a necesidade de que o líder do seu partido, Alberto Núñez Feijóo, sexa o futuro presidente do Goberno para defender Galicia desde o punto de vista turístico.
"Con Feijóo teremos no Goberno central un valedor privilexiado para seguir impulsando o noso desenvolvemento turístico, porque comparte con nós a conciencia de turismo sostible e, ademais, coñece ben esta terra e as súas potencialidades", sinalou durante unha reunión de traballo con representantes do sector turístico celebrada en Sanxenxo.
O acto, que tamén contou coa participación do candidato Pedro Puy e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, a candidata 'popular' recordou que o turismo foi "unha das principais razóns da recuperación" tras a crise de 2008 e tras a pandemia e é "un factor clave para potenciar o incremento e a aceleración nesta nova loita por saír do bache".
A proposta do PP é abordar o turismo desde a innovación, a calidade, a sostibilidade e a dixitalización e defendeu tamén neste punto a visión de Feijóo. "En Galicia estamos moi concienciados con esa planificación turística sostible, co turismo con sentidiño, e Alberto Núñez Feijóo comparte ese compromiso sobre as potencialidades e retos do noso turismo".
Fronte ás potencialidades que pode ter un Goberno de Feijóo en Madrid, Pastor criticou que durante o mandato do PSOE de Pedro Sánchez, o turismo padeceu problemas como o incremento de prezos e de custos e "unha falta de sensibilidade por parte da administración socialista, que non propuxo un plan específico para o turismo financiado con fondos europeos".
Pedro Puy explicou que España é unha potencia mundial en turismo e que aínda ten un enorme potencial de recuperación e superación e Telmo Martín subliñou que cada ano visita Sanxenxo un millón de persoas e hai que ofrecerlles servizos de calidade.
Martín sinalou que o gasto que fan os turistas cando están aquí xeran importantes ingresos ao Estado polo IVA, o IRPF e imposto de sociedades, sen embargo o diñeiro que recibe Sanxenxo do Estado non chega nin á décima parte deses ingresos e confía en que "un Goberno de Feijóo busque unha solución que corrixa este desequilibrio".
VISITA Á SEDE DA AECC EN PONTEVEDRA
Nesta xornada, Ana Pastor e Pepa Pardo visitaron tamén a sede da Asociación Española Contra o Cancro de Pontevedra. Alí amosaron a aposta do PP para converter España en líder na implementación do plan estratéxico europeo de loita contra o cancro.
Durante a súa visita reiteraron que o cambio que representaría un goberno liderado por Alberto Núñez Feijóo permitiría dar solución ao "grave problema" coa convocatoria de 1.000 prazas máis de médicos de familia.
"A sanidade foi unha das grandes abandonadas polo Goberno de Sánchez, demostrárono na pandemia e agora coa súa incapacidade para atender o déficit de médicos", subliñaron as candidatas do PP.