Anabel Gulías, primeira sorpresa da listaxe de Lores para as municipais de 2015

Pontevedra
22 de novembro 2014

A actual concelleira do BNG en Forcarei será a número 2 da candidatura de Fernández Lores, que indica que o núcleo duro do actual equipo do BNG continuará pero tamén afirma que haberá máis sorpresas dentro das novidades previstas para a listaxe definitiva

Anabel Gulías, número 2 da listaxe do BNG ás municipais de 2015, xunto a Miguel Anxo Fernández Lores
Anabel Gulías, número 2 da listaxe do BNG ás municipais de 2015, xunto a Miguel Anxo Fernández Lores / PontevedraViva
Anabel Gulías amosa a súa satisfacción ao entrar na listaxe do BNG ás municipais de 2015 /

Anabel Gulías Torreiro, unha moza de 33 anos, actual concelleira do BNG en Forcarei pero residente en Pontevedra, é a primeira das sorpresas que Miguel Anxo Fernández Lores anuncia para a lista que conformará a súa candidatura para as eleccións municipais de 2015.

Licenciada en Ciencias Políticas e xerente de Sermos Galiza, a moza ocupará o número dous na candidatura e na súa presentación ante os medios explicou que "é unha pasada que conten comigo para un proxecto en marcha" en referencia á traxectoria do BNG en Pontevedra. Destacou o "cambio abismal" que a cidade experimentou dende que no ano 1999, o Bloque alcanzou a alcaldía de Pontevedra e afirmou que "non sei se poderei seguir o ritmo a Miguel" explicando que ao municipio aínda lle queda o mellor por vir.

Pola súa banda, Fernández Lores indicou que a lista completa será coñecida a próxima semana e anunciou máis incorporacións. Non obstante, o actual alcalde sinalou que se manterá o núcleo duro da actual formación nacionalista: "non vai haber grandes variacións" para destacar que o seu equipo está "entre o vintage e o smart", chanceou o cabeza de lista do BNG, que anunciou na lista haberá algún integrante aínda máis novo que Anabel Gulías e afirmou que o seu obxectivo é incorporar persoas que "queiran este país e a Pontevedra en particular".