As previsións meteorolóxicas adversas previstas para este vindeiro sábado 7 obrigaron o Concello de Soutomaior a modificar a programación do Entroido.
O evento central, o desfile de comparsas, trasládase ao domingo 22 de febreiro.
Esta modificación afecta tamén á animación de rúa nos comercios, protagonizada por Juan de Arcade, que se levará a cabo o venres 13 de febreiro.
O resto da programación mantense segundo o previsto, aínda que a administración local habilitou a Casa do Pobo do Val Sobral como escenario alternativo para as actividades dos días 14 e 15 en caso de precipitacións.
O calendario definitivo do Entroido de Soutomaior queda estruturado da seguinte forma:
-
Venres 13 de febreiro: Desfile escolar do CEIP Manuel Padín Truiteiro ás 10:30 horas (desde o cruce do colexio ata Talo Río) e animación comercial durante toda a xornada.
-
Sábado 14 de febreiro: Entroido Infantil na Alameda de Talo Río con inchables, obradoiros e o espectáculo Peque Disco MocMoc.
-
Domingo 15 de febreiro: Festa do Galo, Encontro de Entroidos e Fiada na Praza A Chan e na Casa do Pobo do Val Sobral.
-
Mércores 18 de febreiro: Enterro da Sardiña ás 19:30 horas, con saída desde a Praza de Cima de Vila ata o campo da petanca en Cagazó.
A xornada de clausura do 22 de febreiro manterá a organización previamente establecida. A comitiva partirá ás 17:30 horas do cruce do Viso con destino á Alameda de Talo Río.
O primeiro treito do percorrido, ata o cruce de Cima de Vila, realizarase sen música para garantir a accesibilidade das persoas con sensibilidade acústica.
O evento contará coa participación de 15 comparsas: tres agrupacións convidadas de Soutomaior e Redondela, e doce entidades procedentes de municipios como Marín, Vigo, Mos, Ponteareas, O Porriño, Tomiño, Ponte Caldelas, Arbo e Pazos de Borbén.
Ao finalizar o percorrido, arredor das 20:00 horas, Juan de Arcade dará lectura ao pregón, darase paso á entrega de premios e a xornada pecharase coa actuación musical do Trío Armonía.
De xeito paralelo, o comercio local participará co concurso de escaparates "Vaia Meco", que integra a sátira e os versos tradicionais nestas datas.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.