Aprender xogando a moverse pola cidade, obxectivo do programa 'Eu son, nós imos'

Pontevedra
12 de xuño 2026
Actualizado: 16:42

Alumnado de cuarto de primaria dos colexios Álvarez Limeses, Vidal Portela e Froebel participou neste programa deseñado para que os menores gañen autonomía na vida diaria

Alumnado de Pontevedra participa no programa 'Eu son, nós imos'

Converter a rúa nun espazo de xogo e aprendizaxe foi o obxectivo do programa 'Eu son, nós imos', impulsado polo Concello de Pontevedra e no que participaron preto de 150 escolares de cuarto de primaria.

A actividade, desenvolvida con alumnado dos colexios Álvarez Limeses, Vidal Portela e Froebel, forma parte dun proxecto educativo que busca fomentar a capacidade dos nenos e nenas para moverse con seguridade pola cidade.

Segundo explicou África Martínez, da empresa Taller Abierto, "o obxectivo é falar desde a autonomía, de que poden desprazarse polas rúas e compartir o espazo público de maneira segura, porque a cidade é para todos e todas".

Alumnado de Pontevedra participa no programa 'Eu son, nós imos'Antía Quinteiro García

Durante o trimestre, o programa combinou traballo na aula, saídas e actividades familiares. Nas sesións abordouse o concepto de autonomía aplicado á vida diaria, tando á escola ao fogar, mentres que no exterior o alumnado realizou percorridos pola cidade para familiarizarse coa mobilidade urbana.

Nunha delas, os menores foron pola rúa sen a presenza visible de adultos, aínda que supervisados por monitores "camuflados".

Esta actividade permitiulles experimentar unha sensación de independencia que "gustou moitísimo a todos", sinalou Martínez.

Alumnado de Pontevedra participa no programa 'Eu son, nós imos'Antía Quinteiro García

Nesta xornada final, celebrada este venres en Campolongo, uniuse o alumnado dos tres centros para participar en xogos tradicionais como carreiras de sacos, cordas, pelotas ou esquís cooperativos.

Pola súa banda, a alcaldesa en funcións e concelleira de Seguridade, Eva Vilaverde, destacou o novo enfoque que lla deu a esta iniciativa, promovida desde a Policía Local.

"Este ano decidimos facelo desde o lecer, porque para os nenos e as nenas é máis divertido aprender xogando", afirmou.

Vilaverde subliñou que a actividade tamén busca implicar ás familias, xa que "moitas veces quen teñen medo son os pais e as nais" e Pontevedra, asegurou, "é unha cidade para paseala e, sobre todo, para que os nenos e as nenas gañen autonomía. É a mellor maneira de formalos, vailles a axudar en todos os ámbitos da vida".

O alumnado participante recoñeceu estar "moi contento" con esta actividade, destacando, sobre todo, a oportunidade de percorrer as rúas de forma autónoma "coma se os maiores fosen extraterrestres".

Durante o proxecto tamén elaboraron os carteis cos que percorreron este venres as rúas de Pontevedra e reflexionaron sobre a mobilidade urbana.

O proxecto foi desenvolvido polas empresas Taller Abierto, integrada por Ana Barreiro e África Martínez, e Risotadas, dirixida por Mar García.