Aproban o proxecto para construír unha senda peonil na estrada PO-551 entre Bagüín e Seixo

Marín
12 de agosto 2019

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publicou este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do expediente de información pública e do proxecto de construción 

Obras de construción da senda peonil de Bagüín, entre Mogor e Aguete Concello de Marín /ARQUIVO

A senda peonil proxectada na estrada PO-551 no treito entre Bagüín e Seixo, no Concello de Marín, está cada vez máis preto. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publicou este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do expediente de información pública e do proxecto de construción.

O proxecto, cun orzamento de preto de 700.000 euros, consiste na construción dunha senda de 940 metros na marxe dereita da estrada. O itinerario desenvolverase no tramo entre a intersección á altura da Cova da Moa cunha vía municipal que vai ao paseo polo bordo litoral entre a Escola Naval de Marín e a Praia de Aguete e a beirarrúa de Bagüín. 

A estrada xa conta cunha senda pola marxe esquerda, polo que para facilitar o cruce está prevista a sinalización dun paso de peóns con semáforo con pulsador antes da parada de bus existente.

En concreto, proxéctase unha senda de formigón coloreado en paralelo á estrada, respectando a actual beiravía, cunha sección mínima de 1,8 metros. Ademais, executarase unha pequena estrutura de aproximadamente 40 metros de lonxitude no punto no que existe unha obra de paso.

A intervención contempla a mellora do acceso á praia de Aguete. A estrada non dispón nesta zona de carril central que permita a incorporación á PO-551, polo que o proxecto prevé ampliar a plataforma da estrada, facilitando as manobras e contribuíndo, desta forma, a mellorar a mobilidade, en condicións seguras dos distintos usuarios da vía.