Arcade xa goza da XXXVIII Festa da Ostra

Soutomaior
03 de abril 2026
Actualizado: 17:42

Centos de persoas asisten ao primeiro día da apertura das casetas na XXXVIII edición da Festa da Ostra

XXXVIII Festa da Ostra de Arcade Concello de Soutomaior

A XXXVIII edición da Festa da Ostra é xa unha realidade.

Centos de persoas acudiron este venres á primeira xornada de degustación da popular celebración na zona do peirao.

Un éxito de participación que anticipa unha fin de semana de actividade plena en Soutomaior.

A festa deu comezo co concerto de música tradicional 'Chispas do Lérez'. Un quecemento antes de iniciar a degustación nunha carpa máis ampla esta edición e con vistas á ría de Vigo.

Alí podíase degustar a ostra en todo o seu esplendor, ao natural e tamén cun pequeno adianto da gastro-experiencia 'OsTres'. Neste sentido 'Ghamela de ultramar' ofrecía a posibilidade de probar unha ostra adobada en teriyaki sobre crema de aguacate e caviar de arenque, 'Culler alvedosa' ofrecía unha ostra crocante con delicias de mar, gamba e preve tártaro, mentres que 'Petisco do Puntal' presentaba unha ostra en escabeche tradicional. Pratos todos eles cociñados por Calidus Catering.

A xornada de apertura da Festa da Ostra contaba co colofón musical das orquestras Olympus e Finisterre a partir das 22.00 horas.

Para este sábado 4 de abril, ademais de continuar coa apertura das casetas ás 12.00 horas, a Festa da Ostra contará cos pasarrúas de Imperiais e coas actuacións das osquestas Los Satélites e La Misión.

Por último o domingo 5 de abril a xornada comezará cos pasarrúas das bandas Artística e Cultural de Arcade. Ás 13:00 horas terá lugar o pregón, a cargo de María Codesido García, e a música continuará con Fernando Sánchez Jazz Quartet ao mediodía e o grupo Louoband ás 18:00 horas.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora