Arranca a VII edición de Pontenciencia coa participación de trece colexios

Pontevedra
22 de xaneiro 2020

Pontenciencia, a feira que dá visibilidade á ciencia entre os máis mozos, celébrase en trece colexios de Pontevedra durante xaneiro e parte de febreiro

Quinta edición de Pontenciencia, a feira da miniciencia de Pontevedra Mónica Patxot

O proxecto Pontenciencia, que pretende estimular a participación cidadá en procesos científicos e facer visible a ciencia entre os nenos e nenas e as súas familias, arrancou o día 10 de xaneiro a súa séptima edición, que durará ata mediados de febreiro.

O obxectivo principal destes talleres é explicarlles a grupos de escolares de Educación Primaria e ás súas familias como realizar unha investigación. Temén ensina o protocolo a seguir, de maneira lóxica e organizada, e como conseguir que os resultados sexan reproducibles e confiables.

Nesta feira haberá dous tipos de obradoiros, uns destinados a escolares de 5º e 6º de Primaria que participarán na feira co seu centro escolar e que se desenvolverán dentro da aula en horario lectivo; e outros dirixidos ás familias que desexen participar cos seus fillos/as (de entre 7 e 12 anos), convocados a través das ANPA e impartidos en horario de tarde. 

Esta serie de accións formativas leváronse a cabo xa no CEE Pontevedra, no CEIP Plurilingüe Froebel, no CPR Salvador Moreno e nos CEIP de Marcón, Cabanas e A Xunqueira II e continuarán nas próximas semanas nos CEIP San Martiño, San Benito de Lérez, Ponte Sampaio, no CEP Marcos da Portela, no CPR San José e nos plurilingües Sagrado Corazón de Os Praceres e Pontevedra Leste.

Os proxectos de investigación que se desenvolvan irán destinados ao concurso Pontenciencia e á exposición en 'Pontenciencia: feira da miniciencia', que se celebrará no mes de xuño.

Esta feira, aberta á cidadanía, estará dividida en tres sesións: ‘Ciencia no cole’ (venres 5 de xuño), coa presentación dos proxectos de investigación dos centros participantes (5º e 6º de Primaria); ‘Premios de investigación’, dirixida a Educación Secundaria e ‘Ciencia en familia’ (sábado 6 de xuño);  e a entrega de galardóns, coa presentación dos proxectos de investigación das familias participantes e a deliberación do xurado (sábado 6 de xuño).

Nesta edición se incluirá como principal novidade os Premios de Investigación ‘Homenaxe á muller investigadora’, dirixida aos estudantes de secundaria e que busca darlle visibilidade ao traballo das mulleres neste sector.