Así será a arteria residencial de San Amaro con 2.000 novas vivendas na contorna do rego da Ponte do Couto

Pontevedra
27 de marzo 2026

A conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, presentou o proxecto que integrará 1.600 fogares de protección oficial. Comezará a construírse en 2028

Simulación do proxecto urbanístico para San Amaro Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

Este venres publicábase no Diario Oficial de Galicia a aprobación inicial do Proxecto de Interese Autonómico (PIA) de San Amaro.

Esta intervención, que abrangue unhas 21 hectáreas na periferia sueste da cidade, non só busca paliar a demanda residencial, senón que pretende redeseñar o bordo urbano cunha estratexia centrada na sustentabilidade e na integración paisaxística.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, presentou os detalles desta actuación que cualificou como unha resposta real á necesidade de solo.

Agustín Reguera, María Martínez Allegue e Heriberto García presentaron o PIA de San AmaroCristina Saiz

"Fronte aos anuncios baleiros e o fume doutros, a Xunta segue traballando arreo para facilitar o acceso á vivenda", sinalou Allegue, quen destacou que este plan permitirá erixir 2.010 vivendas, das cales o 80 % (1.643 unidades) terán algún tipo de protección oficial.

O deseño do novo barrio rompe cos esquemas tradicionais ao situar o rego da Ponte do Couto como o centro de toda a ordenación.

O arquitecto do proxecto, Xavier Rivas, explicou que o obxectivo é aproveitar este afluente do río Gafos para xerar un corredor ecolóxico que percorra o sector de nordés a sueste. "A finalidade é a delimitación deste ámbito para desenvolver o PIA e ter a oportunidade de construír cidade de calidade", apuntou Rivas.

A idea técnica é que a urbanización se adapte ao terreo e non ao revés. Para iso, resérvanse 67.564 metros cadrados para zonas verdes e espazos libres, o que permitirá que os edificios parezan, en palabras do equipo redactor, "inseridos nun gran parque".

Recreación do espazo urbano previsto para San AmaroConsellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

A este pulmón verde sumaranse case 29.000 metros cadrados para equipamentos públicos e a plantación ou conservación de, polo menos, 2.300 árbores.

As edificacións, que combinan bloques abertos dun máximo de baixo e cinco plantas con vivendas unifamiliares, irán descendendo en altura a medida que se achegan ao leito do río para evitar a presión visual.

Xavier Rivas subliñou a necesidade de "buscar solucións que permitan achegar calidade á vivenda" nun contexto de custos de construción elevados, apostando pola normalización de dimensións e a prefabricación desde a propia concepción urbanística.

O investimento previsto pola Xunta ascende a 28 millóns de euros para a urbanización, aínda que se estima que o impacto económico total (investimento inducido) supere os 380 millóns de euros. Unha vez completado, San Amaro converterase nun barrio con capacidade para albergar a preto de 4.000 novos veciños.

Xavier Rivas, arquitecto, explica o PIA de San AmaroCristina Saiz

PRAZOS 

Tras a publicación este venres no DOG, ábrese un período de 15 días para alegacións. A previsión do Goberno galego é acadar a aprobación definitiva antes de que remate 2026, licitar as obras en 2027 e que no 2028 se inicien simultaneamente a urbanización e a edificación.

Respecto ás 13 vivendas afectadas pola expropiación, a conselleira asegurou que xa mantiveron encontros coa veciñanza para garantir o seu dereito ao realoxamento.

"Tentamos causar os menos prexuízos posibles garantindo a vivenda de reemprazo", explicou Allegue, engadindo que a Xunta sufragará os alugueiros transitorios e, para quen o desexe, construirá novas vivendas unifamiliares seguindo os parámetros do proxecto.

OUTROS PROXECTOS

A actuación en San Amaro é a peza fundamental dunha estratexia que suma 60 millóns de euros de investimento da Xunta en Pontevedra en creación de vivenda.

Allegue anunciou que o vindeiro 24 de abril realizarase o sorteo para asignar as vivendas concretas da promoción de 74 inmobles públicos en Valdecorvos, xa case rematada.

Tamén avanzou que, en breve, se licitarán 118 vivendas máis en parcelas cedidas polo Concello nos antigos terreos de Tafisa e As Devesas.

No tocante á polémica co Goberno central sobre os terreos do Parque de Maquinaria, a conselleira mantivo unha postura de diálogo pero firmeza sobre a titularidade autonómica: "Non entendo esa non vontade de construír vivenda nunha parcela que é titularidade da Xunta. Se precisan parte dos espazos, tamén podemos cedelos. A nosa man está tendida", apuntou Martínez Allegue.

María Martínez Allegue, conselleira de Vivenda e Planificación de InfraestruturasCristina Saiz

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora