As beirarrúas da travesía interior de Tenorio serán o dobre de anchas

Cerdedo Cotobade
05 de setembro 2020

A travesía interior de Tenorio será completamente humanizada. Contará con unha senda peonil de 1,5 metros e vaise a mellorar o firme, regular o estacionamento e renovar a estética de toda esta contorna. Así o avanzou o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela

Sinatura da acta de replanteo da humanización da travesía de Tenorio Concello de Cerdedo-Cotobade

A travesía interior de Tenorio será completamente humanizada. Contará con unha senda peonil de 1,5 metros e vaise a mellorar o firme, regular o estacionamento e renovar a estética de toda esta contorna. Así o avanzou o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela.

A actuación nesta travesía, conformada polo antigo treito da N-541 e que actualmente configúrase como a arteria principal da parroquia, permitirá duplicar a anchura das beirarrúas, favorecer o tránsito peonil, mellorar a súa imaxe e funcionalidade e modernizar os servizos.

Na obra, que executará a empresa pontevedresa COVSA, vanse investir 800.000 euros e está cofinanciada ao 70% pola Xunta de Galicia, que aporta 550.000 en virtude dun convenio de colaboración entre o Concello e a Axencia Galega de Infraestruturas.

"Cremos que esta importante actuación vai permitir a renovación estética e funcional da zona, unha maior confortabilidade dos peóns, a mellora da seguridade viaria e un maior dinamismo á mobilidade interna da parroquia", explicou Cubela.

O proxecto pretende corrixir a actual situación deste vial, que conta cunha calzada de 9 metros -con carrís de 3,10, aparcadoiros de 2,20 e beiravías de 30 centímetros- que xa nota o desgaste e cunhas beirarrúas con anchura variable de entre 70 centímetros e 1,10 metros que se atopan moi deterioradas.

Por iso, a actuación consistirá na demolición das beirarrúas actuais e a construción dunha senda peonil cunha anchura estable de 1,50 metros que se acometerá cunha pavimentación coreada con 15 centímetros de altura e bordo de protección.

Tamén se levantarán dous muros de contención, nas zonas da parada de bus e a afectada por un fluxo de auga, para reforzar a seguridade, renovarase o firme da calzada, instalarase nova sinalización, pintaranse pasos de peóns con sinais táctiles e haberá melloras nos servizos.

Esta obra vai beneficiar á practica totalidade da travesía, xa que se modernizará un amplo treito de 1.400 metros, quedando os 600 restantes para unha segunda fase.