As cidades integradas na rede Tonucci ven irreversible a recuperación do espazo público

Pontevedra
26 de maio 2017

O encontro da rede española das cidades dos nenos, proxecto impulsa o pedagogo Francesco Tonucci, mantivo este venres en Pontevedra unha xornada de traballo para desenvolver, contrastar e debater os traballos realizados nos diferentes concellos e entidades

Encontro da rede española das cidades dos nenos en Pontevedra Deputación de Pontevedra

O encontro da rede española das cidades dos nenos, proxecto impulsa o pedagogo Francesco Tonucci, mantivo este venres en Pontevedra unha xornada de traballo para desenvolver, contrastar e debater os traballos realizados nos diferentes concellos e entidades.

Divididos en tres grupos, o de planificación compartida, xogo e espazo público; consello dos nenos e nenas e autonomía, todos eles concluíron que a recuperación do espazo público é un dereito dos cidadáns, beneficioso para todos os integrantes das cidades.

Neles subliñouse que a filosofía das cidades dos nenos que propón Tonucci -deseñar as cidades baixo o paradigma dos nenos e nenas para que sexan válidas para todos- ten que obrigatoriamente estar respaldada por unha aposta política "valente" na que a prioridade sexa a recuperación do espazo público para as persoas.

Así, a primeira e máis importante conclusión é que a utilización do espazo polos cidadáns é un dereito que se volve irreversible: unha vez que unha área se restrinxe aos vehículos, todos os cidadáns, e particularmente nenos e nenas, benefícianse.

Outra das conclusións asumida por todas as entidades presentes é que é posible recuperar o espazo público en todas as cidades, independentemente do seu tamaño: pequenas vilas ou grandes núcleos, sempre adaptando as fórmulas ás singularidades de cada lugar.

No caso de vilas nas que o modelo xa está implantado nos núcleos urbanos, a aposta é trasladalo, como no caso de Pontevedra, tamén ás zonas do rural.

Outra das conclusións é que é fundamental á hora de redeseñar os espazos contar coa participación da cidadanía -con nenos e nenas como cidadáns con pleno dereito- en cada un dos proxectos e que é preciso xerar espazos de uso compartido e non segregado para a convivencia.

Toda esta filosofía, segundo estas cidades, debe aplicarse dende todas as áreas de goberno, non só o urbanismo, senón tamén a educación, xuventude ou promoción económica, implicando ademais á comunidade educativa. 

Finalmente, analizáronse as dificultades para que pais e nais perdan os medos sobre o desenvolvemento de nenos no seu contorno. Por este motivo a principal conclusión foi a necesidade de actuar recuperando o espazo público de forma contundente, tendo en conta a participación das administracións, familias, escolas e comunidades e a sensibilización.