As federacións de veciños piden que a ordenanza de terrazas garanta o descanso dos cidadáns

Pontevedra
16 de maio 2017

Representantes das tres federacións reuníronse con Gulías no último dos encontros previstos na ronda de contactos con sectores empresariais e sociais para a elaboración do novo documento. Previamente, tamén se producira unha reunión coa asociación Pedaladas

Reunión de Anabel Gulías cos representantes das federacións de veciños Teucro, Boa Vila e Castelao Mónica Patxot

A revisión da ordenanza municipal de veladores e terrazas debe ter en conta un uso equilibrado e respectuoso do espazo público e garantir o descanso nocturno dos veciños. Esta é a petición que realizaron este luns os veciños das federacións Castelao, Teucro e Boa Vila á concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías.

Representantes das tres federacións reuníronse con Gulías no último dos encontros previstos na ronda de contactos con sectores empresariais e sociais para a elaboración do novo documento. Previamente, tamén se producira unha reunión coa asociación Pedaladas e agora que remataron xa todos os contactos previstos redactarase un borrador que será enviado aos colectivos para a súa avaliación. 

Os representantes veciñais estiveron reunidos con Gulías e amosaron a súa preocupación pola ampliación do horario das terrazas, en especial polas noites e naquelas zonas onde abunda a presenza de locais de hostalería e ocio como pode ser a zona monumental e pediron que a actividade hostaleira non entorpeza o descanso dos veciños.

O obxectivo destes encontros é escoitar as demandas de toda a cidadanía de cara a acadar o maior consenso posible na revisión da ordenanza municipal e os dous mantidos este luns tiveron, en opinión de Anabel Gulías, un espíritu construtivo. 

Segundo informou o Concello a través dun comunicado, a concelleira de Promoción Económica comparte cos veciños a necesidade de conxugar o despregue de terrazas co uso equilibrado e respectuoso do espazo público por parte de todos.

De feito, xa dende o primeiro momento subliñou a necesidade de que as terrazas non entorpezan a actividade económica doutros sectores e garanta a convivencia coa veciñanza.

No caso do colectivo Pedaladas, demandan que a instalación de veladores garanta a mobilidade e accesibilidade de bicis e peóns.