As máscaras serán obrigatorias no transporte público a partir do luns

Pontevedra
02 de maio 2020

Esta medida adóptase a pedimento das autoridades, segundo Pedro Sánchez, ante o previsible aumento dos desprazamentos que se producirá nas diferentes fases deste proceso de desescalada e garantir así a distancia social entre os seus usuarios

Máscaras entre os usuarios do transporte colectivo de viaxeiros Diego Torrado

Dentro da desescalada prevista para que o país vaia regresando á normalidade aos poucos, o Goberno anunciou novas medidas para flexibilizar a situación do estado de alarma. Unha delas afecta de cheo á protección directa da cidadáns fronte ao virus.

A partir do luns, todas as persoas que empreguen calquera tipo de transporte público, entre eles autobuses e trens, deberán usar máscara. Será algo obrigatorio, segundo explicou o presidente do executivo, Pedro Sánchez.

Esta medida adóptase a pedimento das autoridades, segundo Sánchez, ante o previsible aumento dos desprazamentos que se producirá nas diferentes fases deste proceso de desescalada e garantir así a distancia social entre os seus usuarios.

Para iso, engadiu, o Goberno prevé incrementar a distribución de máscaras, con ata dez millóns de unidades, para que sexan repartidas entre os principais centros de transporte, concellos e asociacións do ámbito social.

"Nesta desescalada será aínda máis importante o control e a responsabilidade social e persoal", explicou Pedro Sánchez, que entende que será "clave" neste proceso "non unha soa decisión persoal" senón as que adopten decenas de miles de cidadáns "no fogar, o transporte, o traballo ou o lecer".

O estado de alarma, defendeu Sánchez, "funcionou" para reducir o impacto do coronavirus na poboación pero, xunto con esta desescalada, entende que segue sendo "necesario" amplialo quince días máis, ata o 25 de maio.

Así o solicitará o vindeiro martes, anunciou, no Congreso dos Deputados.

Ademais, o presidente do Goberno avanzou que se poñerá en marcha un "fondo especial" para a reconstrución social que supoñerá unha inxección de 16.000 millóns de euros para distribuír entre as comunidades autónomas. 

Será un fondo "non reembolsable" que se activará para que ningunha comunidade "quede atrás", dixo. Os detalles desta iniciativa coñeceranse mañá domingo tras a oitava conferencia de Sánchez cos presidentes rexionais.