As obras na Praza Pública de Vilalonga obrigan a trasladar o mercadillo

Sanxenxo
02 de outubro 2022

A partir do martes os vendedores montarán os seus postos na parcela habilitada este mesmo verán como aparcamento a apenas uns metros da praza, detrás da antiga farmacia, onde permanecerán ata que conclúan as obras

Praza pública de Vilalonga

Este luns comezarán as obras de reforma da Praza Pública de Vilalonga, o que obrigará a trasladar durante cinco meses o mercadillo.

É por iso que, a partir do martes, os vendedores montarán os seus postos na parcela habilitada este mesmo verán como aparcamento a apenas uns metros da praza, detrás da antiga farmacia, onde permanecerán ata que conclúan as obras.

Nos últimos días, o Concello de Sanxenxo procedeu á retirada das árbores e das pezas de xogo do parque infantil que estaban en bo estado para recolocalas na zona do Revel potenciando o espazo verde e creando unha pequena área de xogo na parcela entre o colexio do Cruceiro e o centro de saúde. Alí replantaron as árbores que se extraeron da rotonda de entrada a Sanxenxo onde se está actuando para mellorar a seguridade e embelecer o espazo. Pola súa banda, o cruceiro encargarase de desmontalo unha empresa especializada e recolocarao nun espazo próximo á igrexa.

O proxecto executarase por un prezo de 909.000 euros e supoñerá a definitiva humanización da contorna, eliminando o tráfico rodado, aínda que mantendo o acceso de servizo ao campo de fútbol. O espazo converterano nunha zona versátil con beirarrúas amplas no lado da praza e no oposto, e a velocidade limitarana a 20 quilómetros por hora no tramo da PO-505.

Indican, ademais, que para potenciar a nova zona infantil prevista, suprimirán as barreiras físicas existentes, así como a bancada perimetral, que prexudican o acceso á praza. A zona central da bancada potenciarase coa construción dunha pérgola de estrutura de aceiro galvanizado, cuxos piares seguirán a liña dos troncos de bidueiro, co obxectivo de habilitar a realización de eventos culturais e deportivos con sombra durante a tempada estival.

Con esta serie de melloras, a praza incrementará o seu espazo útil, que pasará dos 4.011 metros cadrados actuais aos 5.280 metros cadrados, que se gañarán nas inmediacións da PO-505 e do campo de fútbol. Tanto o palco como o bar serán reformados dentro do mesmo proxecto, e farán que o bar para dar servizo a toda a praza, máis aló do campo de fútbol, que atende actualmente de forma exclusiva.

No caso do campo, mellorarán os seus accesos, ademais da plantación de bidueiros que sirvan de barreira entre a estrada e a praza. Desta forma, tras a obra, a praza incluirá tres necesidades: zona infantil, unha zona para realizar pequenos eventos e outra para eventos maiores.