Asfaltado 'ecolóxico' para un perigoso tramo da PO-308 en Raxó

Poio
16 de xuño 2015

A empresa Ecoasfalt aplicou este luns aglomerado frío dun centímetro. Trátase dunha técnica que permite un mellor agarre dos coches á calzada, ademais de ser máis respectuosa co medio pola menor cantidade de emisións contaminantes que se producen durante a colocación fronte ao tradicional aglomerado en quente que se fixa a unha temperatura de 170 graos.

Asfaltado ecolóxico na PO-308 en Raxó
Asfaltado ecolóxico na PO-308 en Raxó / PontevedraViva

A falta dunha actuación integral en toda a vía, a estrada entre Pontevedra e Sanxenxo, a PO-308, segue recibindo pequenas melloras en distintos tramos. Neste caso, os traballos iniciábanse este luns nunha superficie de ao redor de douscentos metros de estrada na parroquia de Raxó.

Este é un punto negro sinalado polos veciños de Poio que durante anos levan reclamando medidas de seguridade nesta zona.

A empresa Ecoasfalt aplicou un microaglomerado en frío, de pouco máis dun centímetro de espesor que impermeabiliza o pavimento.

Trátase dunha técnica que permite un mellor agarre dos coches á calzada, ademais de ser máis respectuosa co medio pola menor cantidade de emisións contaminantes que se producen durante a colocación fronte ao tradicional aglomerado en quente que se fixa a unha temperatura de 170 graos.

Mentres os operarios ocupaban un carril os condutores eran dirixidos por varios operarios da empresa para poder circular polo tramo no que non estaban a actuar. O tráfico fluíu con normalidade, sen que se rexistrasen retencións.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, xa optou por esta técnica nalgúns tramos da estrada que une Vilagarcía e Pontecesures.