O Hospital Montecelo celebrou este martes 6 de maio a II Xornada de Concienciación da Asma Grave coincidindo co Día Mundial desta doenza respiratoria que afecta ao 10% da poboación adulta e ata un 15% da infantil nos países occidentais.
A xornada, organizada polo servizo de Pneumoloxía da área sanitaria, desenvolveuse mediante unha mesa redonda no salón de actos do centro hospitalario.
Neste encontro participaron destacados especialistas: a pneumóloga Noelia Aguiar, o endocrino Pablo Fernández Catalina, o responsable de Farmacia Carlos Crespo e o xefe de sección de Pneumoloxía, Adolfo Baloira Villar.
Dende hai cinco anos, o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) mantén en funcionamento esta unidade especializada que atende actualmente a case un milleiro de pacientes con asma grave na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés.
Cen destes doentes asmáticos reciben tratamento con fármacos biolóxicos.
O doutor Baloira Villar, responsable da Unidade de Asma, destacou que esta enfermidade "produce moita sintomatoloxía e dificultade respiratoria, con crises que xorden repentina e imprediciblemente".
En todo caso, salientou que grazas aos actuais tratamentos, especialmente os biolóxicos que "actúan bloqueando receptores celulares moi concretos", estas crises poden ser evitadas eficazmente e con mínimos efectos secundarios.