Atopan máis de dúas mil pezas e vinte e seis tumbas nun mes de traballo arqueolóxico en Santa Clara

Pontevedra
05 de agosto 2022

O equipo multidisciplinar que está a elaborar o estudo arqueolóxico do convento de Santa Clara recibía este xoves a inesperada visita da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e o vicepresidente, César Mosquera que quixeron coñecer de primeira man os avances logrados tras un mes de traballo

Visita da presidenta da Deputación aos traballos arqueolóxicos en Santa Clara Deputación de Pontevedra

O equipo multidisciplinar que está a elaborar o estudo arqueolóxico do convento de Santa Clara recibía este xoves a inesperada visita da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e o vicepresidente, César Mosquera que quixeron coñecer de primeira man os avances logrados tras un mes de traballo.

Durante este tempo xa se recuperaron máis de dúas mil pezas e actuaron en vinte e seis tumbas.

O director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, sinalaba que "sorprendentemente os restos orgánicos están conservados e temos bastante esperanza de poder identificar desde patoloxías a procedencias, dietas e outras informacións".

Tamén esperan poder aclarar como foi "a evolución e a transformación do convento o longo destes 750 anos".

César Mosquera apuntou que xa saben que "o muro actual de peche, que ten máis de 300 anos, non é o orixinal" xa que "había outros peches antes e posiblemente a entrada que coñecemos agora tampouco é a orixinal, que estaba en dirección contraria".

O cenobio pontevedrés está a revelarse como "un auténtico labirinto, totalmente diferente aos demais mosteiros das clarisas que todos tiñan a mesma planta. É algo sorprendente", comentou o vicepresidente.

Respecto a as tumbas atopadas, foron descubertas nos xardíns con estruturas semellantes a fosas cuxas funcións se descoñecen polo momento. 

Carmela Silva tamén admitiu estar "sorprendida e marabillada" coas pezas localizadas ata o momento no cenobio "procedentes de toda Europa e de fóra" e sobre estas investigacións que se iniciaron co fin de avaliar a posibilidade de que o convento sexa a nova sede do Museo a presidenta da Deputación apuntou que "aínda que non se destine a ese fin, merece a pena o investimento para estudar e tentar saber todo o que sucedeu aquí".