Cun muro de contención e a mellora da canalización de pluviais. Así están a avanzar as obras para a mellora do punto limpo de Sanxenxo.
O concelleiro de Medio Ambiente, Mantemento e Servizos, Yago Torres, visitou esta actuación, que está a ser executada pola empresa Caldevergazo.
As obras teñen un custo total de 82.038 euros e conta cunha axuda de fondos europeos que ascende até os 73.443 euros.
O peche perimetral das instalacións atópase nun importante estado de deterioración con zonas onde se desequilibran os postes de sustentación da malla do peche existente.
Na fronte do solar existe un desnivel entre os terreos que afecta á zona de acceso.
Por este motivo, as autoridades municipais consideraron a necesidade de realizar un pequeno muro de contención dos terreos.
O obxectivo é o de evitar caídas dos residuos cara á propiedade lindeira e que se deteriore a plataforma horizontal que serve de aparcadoiro e acceso.
Ademais, polo seu lado este, existe unha propiedade a cota superior que en épocas de choivas ocasionan entradas de auga cara a estas instalacións.
Nesta parte, realizarase unha pequena canalización superficial para reconducir estas augas pluviais cara á rede de evacuación de augas e evitar a entrada das mesmas nestas instalacións.