As axudas para a compra de coches eléctricos ou de baixas emisións 'despegan' en Pontevedra

Pontevedra
18 de xaneiro 2026

A Xunta reserva unha partida de 3,5 millóns de euros para promover a venda en Galicia de 1.600 automóbiles eficientes con axudas que poden alcanzar os 4.600 euros por beneficiario

Cargador de coches eléctricos nun aparcamento de Pontevedra Mónica Patxot

Até o próximo 30 de setembro poderanse solicitar as axudas da Xunta para a compra de vehículos eléctricos ou de baixas emisións.

Así o anunciou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, tras reunirse en Pontevedra con representantes da federación de concesionarios en España (Faconauto).

Este plan de axudas, denominado 'Renova o teu vehículo', incrementa nesta edición o seu orzamento até os 3,5 millóns de euros.

A previsión é contribuír á venda en Galicia de 1.600 automóbiles eficientes con axudas de até 4.000 euros, que ascenden aos 4.600 se se trata de familias numerosas.

Lorenzana defendeu que a vantaxe deste programa, con respecto ao plan estatal Moves, é que é "menos burocrático" porque o pago da axuda faise directamente ao establecemento de venda, sen que o beneficiario teña que desembolsala previamente.

Reunión en Pontevedra de María José Lorenzana con FaconautoXunta de Galicia

Ademais, os apoios danse en función das emisións e non do tipo de motor.

"É o que estamos a buscar: que en toda a cadea de valor vaiamos fomentando o vehículo moito menos contaminante", explicou a titular de Economía e Industria.

Este programa subvenciona a adquisición de vehículos novos, turismos ou furgonetas, que cumpran unhas determinadas características de emisións e que teñan un custo inferior ou igual a 42.000 euros (Impostos incluídos).

Esta contía amplíase até os 47.000 euros para vehículos eléctricos con autonomía maior a 30 quilómetros en modo eléctrico e en 6.000 euros máis cando se trate dun vehículo adaptado para a utilización de persoas con discapacidade ou se dispón de oito ou nove prazas.

Para poder acceder a estas axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, será requisito imprescindible que o comprador acredite a baixa definitiva de circulación dun vehículo, que deberá ter unha antigüidade de, polo menos, dez anos ou de cinco se é unha furgoneta.

Cada particular poderá adquirir un único vehículo e, no caso de ser autónomo ou empresa, até un máximo de dez unidades.