O Concello de Soutomaior xa puxo en marcha a programación para que veciños poidan despedir o fin de ano sen saír do municipio.
As propostas comezan o domingo 28 de decembro cun Baile de Nadal especialmente pensado para as persoas maiores de 65 anos. A festa, amenizada polo Dúo Visión, celebrarase na Casa do Pobo do Val Sobral e contará con cotillón e chocolatada, todo de balde.
Para facilitar a participación, o Concello habilitará buses lanzadeira gratuitos desde Arcade, con paradas polos diferentes barrios ata chegar ao Val Sobral. As persoas interesadas deben inscribirse en liña antes do 22 de decembro ás 14:00 horas na web municipal. Ademais, quen precise axuda poderá tramitar a súa inscrición nas Oficinas Xerais do Concello e nos Servizos Sociais do Centro de Benestar Integrado en horario de mañá.
O Concello anima a todos os maiores a unirse a esta festa pensada para que poidan gozar do final de ano.
Os máis pequenos toman o relevo o 31 de decembro. A tarde do 31 estará dedicada ás familias co espectáculo "A bailar para rematar o ano", da compañía AnimaT. Celebrarase na carpa de Nadal da Alameda de Talo Río, entre as 17:30 e as 19:00 horas, e promete música, baile e moita diversión para que os nenos despidan o 2024 cun sorriso.
A gran festa de Fin de Ano, tamén será de balde. A partir das 00:45 horas da noite do 31, a mesma carpa da Alameda converterase no epicentro da gran festa de Fin de Ano. O ambiente musical correrá a cargo do Trío Tic Tac e da xa coñecida "La Yaya DJ", que repetirá presenza para garantir unha madrugada chea de ritmo e bo humor. A celebración contará con carpa climatizada, roupeiro, cotillón e outras sorpresas, todo con entrada libre.
A programación continúa durante todo o mes. A próxima cita será este venres 12 de decembro, cunha charla-coloquio de Lidia Mariño sobre "As tradicións galegas de Nadal" no Multiúsos, con entrada libre ata completar aforo. O sábado 13 terá lugar o I Encontro Inclusivo de Nadal, e o domingo 14 celebrarase o II Mercado de Oportunidades e Segunda Man.