O Concello de Ribadumia vén de facer balance da actividade turística do mes de outubro e da tempada 2025, que rematou o pasado día 12 coa clausura do Punto de Información Turística municipal.
Durante os primeiros doce días de outubro achegáronse ao municipio 695 persoas, unha cifra que amosa o interese que esperta Ribadumia como destino turístico máis aló dos meses de verán.
Do total de visitantes, o 68 % (472 persoas) procedían do estranxeiro, mentres que o 32 % restante (223 persoas) viñeron de diferentes puntos do Estado, incluíndo 79 galegos. En canto ao perfil dos usuarios, a gran maioría (86 %) foron peregrinos, seguidos de turistas (13 %) e excursionistas (1 %).
Entre os países de orixe, destacan Portugal e Estados Unidos, con 82 visitantes cada un, seguidos de China, México, Canadá, Australia e Reino Unido. No ámbito estatal, as principais procedencias foron Cataluña (51 visitantes), Madrid e Andalucía (24 cada unha), e Galicia (79 visitantes), o que reflicte unha gran diversidade de perfís que elixen Ribadumia como parada no seu camiño.
Se ampliamos a mirada ao conxunto da tempada, entre os meses de xuño e outubro o Punto de Información Turística rexistrou 5.672 visitantes, un incremento dun 20,7 % respecto ao ano anterior (4.699 visitantes en 2024).
Esta tempada destacou especialmente pola elevada presenza internacional, con visitantes de Estados Unidos, Portugal e Italia á cabeza, sen esquecer outros países como Alemaña, Francia, China ou Polonia. O turismo nacional tamén estivo moi presente, con Andalucía, Madrid e Castela-A Mancha como principais comunidades de orixe.
Ao longo do ano, o perfil do peregrino consolidouse como o máis habitual, representando arredor do 85 % das visitas. Este feito está estreitamente ligado á Variante Espiritual do Camiño Portugués – Ruta do Padre Sarmiento, un dos grandes atractivos do municipio, xunto coa Ruta da Pedra e da Auga, o Monte do Castro ou os muíños de Barrantes e do Batán.
Desde o Concello de Ribadumia fan unha valoración moi positiva desta tempada, que demostra a capacidade do municipio para atraer visitantes nacionais e internacionais fóra da tempada alta. Destacan que a promoción turística, a posta en valor do patrimonio natural e cultural, e a organización de actividades culturais, deportivas e gastronómicas son clave para desestacionalizar o turismo e dinamizar a economía local.
Con estes bos resultados, Ribadumia despide a tempada 2025 cun crecemento sostido e reafírmase como un destino atractivo, con recursos turísticos de primeiro nivel e preparado para seguir medrando nos próximos anos.