Balance positivo, ata o momento, da 'Operación Centinela'

Pontevedra
17 de agosto 2018

As patrullas, despregadas as 24 horas do día, percorreron máis de 230.000 quilómetros e realizaron 17 avisos divididos en: 15 conatos, un incendio e unha queima

Inicio da operación Centinela Gallego da Brilat e a Armada
Inicio da operación Centinela Gallego da Brilat e a Armada / Mónica Patxot

O 15 de xullo comezaba a Operación Centinela Gallego nos montes da comunidade para evitar incendios forestais. As patrullas despregadas durante as 24 horas do día xa percorreron máis de 230.000 quilómetros e realizaron 17 avisos divididos en 15 conatos, un incendio e unha queima.

Ante estes datos, as Forzas Armadas que participan neste operativo, realizan un balance positivo xa que entenden que se contribuíu á rápida actuación dos servizos de extinción da Xunta de Galicia grazas á alerta previa. Este ano reducíronse notablemente os incendios na zona onde actúan as patrullas, en comparación cos datos de 2017 xa que non se rexistrou ningún incendio superior a 120 hectáreas.

Máis de 300 militares están a participar nesta operación. Os pertencentes a unidades da  Brilat foron os que patrullaron en Pontevedra e Ourense, mentres que os efectivos do Terzo Norte de Infantería de Mariña ocupáronse da provincia da Coruña.

Nesta operación 'Sentinela Galego' participan efectivos do Exército de Terra, con patrullas da Brigada 'Galicia' VII, pertencentes á Brilat, e da Armada.