Unha banda radicada en Barcelona estafa un marinense 'roubándolle' o seu número de teléfono

Marín
15 de novembro 2025

Unha vez que os estafadores teñen o control do número poden acceder a correos electrónicos, redes sociais e, especialmente, servizos bancarios, accedendo a contas e fondos sen ser detectados

Unha persoa maior cun teléfono móbil smartphone Xunta de Galicia

Sete persoas foron detidas pola Policía Nacional na localidade de Sant Adrià del Besòs (Barcelona) como integrantes dunha banda criminal que estafou miles de euros a persoas de doce cidades españolas, unha delas Marín.

Fixérono a través do método coñecido como 'SIM Swapping', que consiste en enganar ás compañías telefónicas para transferir o número de teléfono da vítima a unha tarxeta SIM controlada polos estafadores.

Estas persoas fanse pasar por outros utilizando datos persoais roubados, como documentos de identidade ou respostas a preguntas de seguridade.

Unha vez que teñen o control do número, poden acceder a correos electrónicos, redes sociais e, especialmente, servizos bancarios, accedendo a contas e fondos sen ser detectados.

Moitos destes usan a verificación en dous pasos (2FA) a través de códigos por SMS, que, neste caso, chegan directamente ao móbil que o estafador posúe.

A investigación comezou por mor dunha denuncia presentada na Coruña -unha das tres localidades galegas afectadas xunto a Marín e Ferrol- por unha persoa que detectou cargos non autorizados de até 9.500 euros nos seus cartóns de crédito.

Ademais, observou transferencias a caixeiros automáticos concretos que el non fixera.

Por mor dese caso, os investigadores lograron esclarecer dezaseis denuncias en toda España.

A operación permitiu recuperar parte do diñeiro subtraído e evita que se continúen cometendo fraudes mediante este método delituoso.

Aos sete detidos investígaselles por delitos de estafa e acceso fraudulento a sistemas informáticos.

A Policía Nacional advirten sobre a importancia de extremar as medidas de seguridade en dispositivos móbiles e servizos bancarios, extremando a alerta ante chamadas sospeitosas ou mensaxes que soliciten calquera tipo de información persoal.