Batucada e festa baixo cuberta para abrir o Nadal de Marín

Marín
06 de decembro 2025
Actualizado: 12:07

A vila inaugurou este venres a súa iluminación festiva no Concello, con música, chocolate e un espectáculo de fogos que encheu de diversión a noite

Marín celebra a chegada do Nadal 2025

Malia a chuvia persistente, a vila de Marín acendeu este venres 5 de decembro o seu Nadal nun acto festivo que tivo lugar nos soportais do Concello.

A alcaldesa, María Ramallo, acompañada pola enerxía da Batucada Axé Bahía e un público entregado, foi a encargada de premer a botoneira que inaugurou unha das épocas máis especiais do ano.

O tempo de borrasca obrigaba a trasladar o evento principal á casa consistorial, pero non desluciu a celebración.

Tras a conta atrás e o acendido das luces que adornan as rúas e a praza dianteira do Concello, os asistentes puideron gozar dun chocolate quente con churros de balde no vestíbulo municipal, xa engalanado coa súa árbore central.

A noite culminou cunha tirada de fogos artificiais que encheu de cor e maxia o ceo marinense, marcando o inicio oficial das festas.

Media hora antes do acendido, a Alameda xa comezara a vibrar coa apertura de dous dos grandes atractivos do Nadal: o carrusel, organizado por Estrela de Marín e que funcionará ata o 7 de xaneiro, e o tren, que estará operativo en datas específicas ata o 4 de xaneiro.

Tamén abriu as súas portas a Mostra de Artesanía, ofrecendo produtos únicos para estas datas.

A programación continúa este sábado 7 de decembro coa quinta edición do Marín Gaming na carpa do Parque Eguren, que se prolongará ata o domingo.

Ademais, celebrarase un Concerto Solidario na Biblioteca, a favor do CEDDD Galicia, coas actuacións do Cuarteto Jaime Vilas, Grupo Loureiro Verde e Lirolúa.

Durante o domingo, a Banda de Música de Marín ofrecerá un pasacalles de Nadal a partir das 18:00 horas.

 

Arquivado en