Mosquera pide a substitución de Rafa Domínguez pola súa "incapacidade" para xestionar as obras do Museo

Pontevedra
21 de maio 2025

As críticas son polos edificios centrais do Museo e Santa Clara. "Que no se preocupen los pontevedreses, estamos trabajando", responde o vicepresidente da Deputación de Pontevedra

César Mosquera (BNG) e Luis López, presidente da Deputación Mónica Patxot

O portavoz do BNG na Deputación de Pontevedra, César Mosquera, pediu ao presidente da administración provincial, Luís López, que releve ao seu vicepresidente, Rafa Domínguez, pola súa "incapacidade" para xestionar as obras do Museo.

Concretamente, refírese Mosquera á reforma dos edificios centrais do Museo de Pontevedra e tamén á rehabilitación do antigo convento de Santa Clara.

O deputado nacionalista sinalou que o vindeiro luns se cumprirán dous anos do último pleno provincial do mandato pasado no que se aprobou o proxecto de consolidación, restauración e interconexión accesible dos edificios históricos do Museo, o García Flórez e do Castro Monteagudo.

Mosquera lembrou que esa aprobación do proxecto supón que todos os trámites anteriores estaban feitos "era o paso previo e definitivo para sacalo a licitación" e tan só estaba pendente de que se publicase a modificación do Plan Especial de Protección e Reforma Interior e Conservación Artística de Pontevedra (Peprica), que se publicou dez días despois.

Dous anos despois Mosquera afirma que "neste momento o proxecto está máis atrasado do que estaba naquel momento" xa que agora "estamos peor" porque "non hai proxecto" o que supón unha "demostración de incapacidade" por parte do vicepresidente Rafa Domínguez.

O obxectivo da Deputación era que esta rehabilitación dos edificios históricos estivese concluída no ano 2027 coincidindo co centenario da creación do Museo.

César Mosquera asegurou que co cambio de goberno na Deputación había unha "expectativa, supostamente favorable" de que "unha persoa de Pontevedra" como Rafa Domínguez asumise a responsabilidade de xestionar o Museo e rehabilitase as súas vellas sedes, xa que se esperaba que dedicase "todo o cariño e esforzo para sacalos adiante".

Agora o portavoz nacionalista lamenta que "levamos 2 anos nos que nos atopamos a nada", e acusou a Rafa Domínguez de organizar "leadas" que "o único que fan é atrasar" e complicar a situación.

Mosquera indicou que o BNG foi "extremadamente prudente" con todo este proxecto ao ser consciente da "gran complexidade" que ten polo que, atendendo á súa experiencia como anterior xestor do Museo, volveu ofrecer "toda a miña colaboración" para sacalo adiante.

O portavoz do BNG diríxese directamente ao presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, para dicirlle que si quere "desatrancar" este proxecto de rehabilitación dos edificios históricos "recomendaría e pediría que releve ao señor Domínguez, que nestes dous anos o único que fai é liala, pero que xestionar, a verdade que é radicalmente incapaz".

O Bloque non pide o cesamento do vicepresidente pois recomenda a Luís López "que lle asigne outras competencias" ao entender que as que ten na actualidade "parece que lle desbordan absolutamente e que non ten ningunha capacidade".

RESPOSTA DE RAFA DOMÍNGUEZ

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, saíu ao paso destas declaracións do portavoz do BNG para sinalar que cando o Partido Popular chegou ao goberno provincial "nos encontramos con un proyecto que era muy básico y que le faltaba muchísimo".

Segundo indicou, faltaba a autorización de Patrimonio, tampouco tiña licenza municipal, nin estaba licitado"es decir, el señor Mosquera no tenía los deberes hechos", asegurou Domínguez.

O vicepresidente provincial acusa ao portavoz do Bloque na Deputación "contar mentiras a los pontevedreses", e responsabilízalle tamén "de que se pierdan tres millones de euros"de fondos europeos concedidos para esta actuación e que poden perderse se a Deputación non cumpre os prazos marcados.

"Que no se preocupen los pontevedreses, estamos trabajando", destaca Rafa Domínguez.

Segundo apunta, "desde febrero de este año" o proxecto definitivo xa está en Patrimonio, "estamos siguiendo los trámites administrativos para tener los museos centrales abiertos en tiempo y forma" e nese proxecto inclúese "el camarote de Méndez Núñez", engadiu.