O BNG esixe a limpeza "urxente" das praias invadidas polos plásticos arrastrados polos temporais

Poio
17 de marzo 2026
Actualizado: 16:30

A portavoz nacionalista, Marga Caldas, denuncia "a inacción municipal" e reclama a posta en marcha dun "operativo urxente" para retirar estes materiais que permanecen nos areais

Areal de Poio invadido con plásticos e algas Concello de Poio

O grupo municipal do BNG de Poio reclamou ao Concello a posta en marcha dun "operativo urxente" para limpar e retirar os plásticos, algas e restos que os últimos temporais arrastraron ás praias do municipio.

A portavoz, Marga Caldas, denuncia "a inacción municipal" fronte a estes materiais, que permanecen nos areais causando danos ambientais graves volvendo ao mar e alterando o ecosistema costeiro.

Ademais, advirte dun impacto estético e negativo para o turismo xusto cando comeza a tempada alta, con Semana Santa ás portas, afectando tanto a visitantes como á veciñanza.

Caldas critica que "non só está a crear unha imaxe lamentable que quedará na retina das persoas visitantes que se acheguen ao municipio, senón que impide un bo aproveitamento dos areais por parte da veciñanza".

"A limpeza das praias", insiste, "tiña que estar programada case de maneira automática. Cos problemas que houbo co temporal, que arrastrou moito lixo ás praias, o Concello aínda tería que ter sido máis áxil e ordenar un dispositivo de limpeza inmediato coa Brigada Municipal. Sen embargo, as praias seguen nun estado aínda máis lamentable que en anos anteriores".

A nacionalista recoñece que reparar infraestruturas danadas require investimentos importantes, pero insiste en que a limpeza é unha actuación "urxente, necesaria e económica que non se pode demorar ata que cheguen subvencións".

O BNG volveu denunciar o uso dos terreos da canteira da Graña como vertedoiro municipal, sinalando que o tráfico de vehículos está a deteriorar a estrada de acceso.

Caldas esixe controlar as verteduras e axilizar os trámites para converter a parcela no novo centro de saúde e outros equipamentos municipais, ademais de mellorar as conexións viarias con Campelo. "A situación vai a peor e hai que pór remedio", advirte.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora