A Boa Vila acollerá dúas manifestacións feministas este 8M

Pontevedra
02 de marzo 2026
Actualizado: 03 de marzo

A cidade contará con dúas manifestacións ao longo do día, ambas con saída na Praza da Peregrina pero en horarios distintos

Integrantes da Asemblea de Mulleres 8M Pontevedra e o colectivo Fulanas Asemblea de Mulleres 8M Pontevedra

Pontevedra vivirá este 8 de marzo unha xornada de mobilización feminista por partida dobre. A cidade contará con dúas manifestacións ao longo do día, ambas con saída na Praza da Peregrina pero en horarios distintos.

Ademáis da convocada pola Marcha Mundial das Mulleres baixo a lema 'Feminismo é Revolución’ para o vindeiro domingo ás 18:00 horas, ven de ser convocada unha segunda mobilización o mesmo día, dende o mesmo lugar pero ás 11.30 horas.

Neste caso a iniciativa é da Asemblea de Mulleres 8M Pontevedra e o colectivo 'Fulanas' que fan un chamamento á participación masiva para "encher de feminismo combativo, de barrio e de clase" as rúas da cidade nunha xornada que consideran importante para visibilizar as desigualdades que, sinalan, seguen vixentes.

As organizadoras subliñan que, malia os avances acadados nas últimas décadas, "non está todo feito".

Denuncian que o traballo precario e as tarefas de coidados continúan recaendo maioritariamente nas mulleres e reivindican o feminismo como ferramenta de transformación social fronte ás estruturas de poder que, ao seu xuízo, perpetúan a desigualdade e a inxustiza.

'Fulanas' e a Asemblea 8M apelan á unidade do movemento feminista local. Defenden un feminismo "horizontal e desde abaixo", construído desde os barrios e sustentado na organización colectiva.

Neste sentido, convidan a sindicatos, organizacións e asociacións de Pontevedra a manter unha mobilización unificada contra a precariedade e o que cualifican de "esquecemento" das reivindicacións das mulleres.

As convocantes insisten na importancia de evitar divisións internas, especialmente despois de anos nos que a cidade lograra artellar un espazo común de loita, sinalan.

O obxectivo, explican, é fortalecer un movemento capaz de avanzar cara a unha vida libre de violencias e cara a unha maior xustiza social.

Arquivado en