O Entroido de Bueu comeza a quentar motores e faino coa apertura do prazo para participar nos premios dos seus tradicionais desfiles.
O Concello vén de activar a convocatoria, unha vez publicado o extracto das bases no Boletín Oficial da Provincia deste martes, 27 de xaneiro, animando comparsas, agrupacións e participantes individuais a prepararen disfraces e creatividade.
En xogo están 6.500 euros en premios, que se repartirán entre as distintas categorías dos dous grandes desfiles do programa: o Enterriño da Sardiña, previsto para o mércores 18 de febreiro ás 17.00 horas, e o Enterro do Paxaro de Mal Agoiro, que se celebrará o domingo 22 de febreiro á mesma hora.
As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición antes do 17 de febreiro no caso do Enterriño da Sardiña e antes do día 20 para o desfile do Paxaro de Mal Agoiro.
Como xa é habitual, as agrupacións de máis de quince compoñentes recibirán unha axuda fixa polo feito de participar.
Así, as comparsas de Bueu que formen parte de todo o programa do Entroido percibirán 500 euros, mentres que aquelas agrupacións locais con máis de quince persoas que participen no Enterriño da Sardiña recibirán 150 euros, e as que desfile no Enterro do Paxaro de Mal Agoiro, 120 euros.
No caso concreto do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro, as bases recollen unha ampla variedade de premios. Haberá galardóns para comparsas de Bueu, agrupacións de máis de quince compoñentes e grupos máis pequenos, así como para parellas e participantes individuais. A gran novidade deste ano é a incorporación de premios específicos para as Anpas do municipio, reforzando así a participación da comunidade educativa na festa.
As bases tamén contemplan a posibilidade de mal tempo, establecendo que será a Comisión de Entroido —integrada por unha representante do Concello e membros dos colectivos participantes— a que decida se os desfiles se celebran ou non. Toda a información detallada, así como os formularios de inscrición, poden consultarse e descargarse a través da páxina web municipal.