O entroido de Bueu se estenderá do 12 ao 28 de febreiro, coa implicación directa das comparsas da vila e de numerosos colectivos sociais e culturais.
A programación foi presentada este venres pola concelleira de Cultura, Carmen García, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada por representantes das comparsas e asociacións participantes.
A edil destacou que o Entroido de Bueu volverá ofrecer múltiples actividades para que todas as idades poidan gozar da festa en distintos espazos da vila, grazas á colaboración dos colectivos locais.
Como antesala, o xoves 12 de febreiro, o Estaleiro de Purro acollerá ás 19.00 horas unha proxección audiovisual sobre o Entroido de Bueu, organizada pola Asociación Veciñal da Banda do Río, que servirá para poñer en valor a memoria e a tradición desta celebración.
O arranque oficial chegará o venres 13, co pregón a cargo das comparsas da vila, ás 20.00 horas diante da Casa do Concello. A partir dese momento, estas agrupacións converteranse nas grandes protagonistas do programa, con actuacións e festivais nos que non faltarán a música nin as tradicionais letrillas de formacións como Vou nun bou, Os do Pinsel, Os Mulos, Tinta Femia, Os Kantaclaro ou As Faltriqueiras.
O sábado continuará a festa en Cela, cunha xornada pensada para pequenos e maiores. Ás 16.00 horas haberá festa infantil no Adro, organizada pola Asociación Cultural Costumes de Cela, e ás 18.00 celebrarase o VI Festival de Comparsas de Cela. Xa pola noite, a carpa de As Lagoas acollerá unha festa de disfraces con DJ Moe, a partir das 23.00 horas.
O domingo será tempo para o sabor máis tradicional do Entroido, cunha filloada e concurso de sobremesas organizados pola Asociación Veciñal da Banda do Río, desde as 17.00 horas no Estaleiro de Purro.
A cativada terá tamén un papel destacado, con obradoiros de Entroido que se desenvolverán de luns a mércores, entre as 11.00 e as 13.00 horas, na carpa de As Lagoas. Dirixidos a nenos de 7 a 12 anos, estarán guiados polo artista local Tino Resille, que achegará á infancia á tradición do Paxaro de Mal Agoiro a través de xogos e actividades creativas.
Un dos momentos máis emotivos do programa será a homenaxe a Xosé Diz, fundador da comparsa Os Mulos e compositor da coñecida canción Falemos galego. O acto terá lugar o luns 15 de febreiro, ás 20.00 horas, no salón de plenos da Casa do Concello, e contará coa actuación da propia comparsa.
O martes será a quenda da X Filloada de Meiro, organizada pola Asociación Veciñal A Morada e o Concello, desde as 16.00 horas, con xogos populares e degustación de filloas. Pola noite, ás 20.30, celebrarase un novo festival de comparsas.
Os desfiles volverán encher as rúas de cor e imaxinación. O Enterriño da Sardiña celebrarase o mércores 18 de febreiro, ás 17.00 horas, con saída da Praza Massó e participación dos colectivos infantís. Como novidade xa consolidada, o desfile contará cunha sardiña xigante de globos, elaborada por Barafunda. O domingo 22 terá lugar o Enterro do Paxaro de Mal Agoiro, cun gran desfile ás 17.00 horas e a tradicional queima na praia da Banda do Río.
A música das comparsas soará con forza no XLIII Festival de Comparsas a prol do Bueu Atlético Balonmán, que se celebrará o venres ás 21.00 horas no Centro Social do Mar. As entradas estarán á venda desde o 10 de febreiro nas librarías da vila. Ademais, o sábado haberá festa infantil de disfraces inclusiva na carpa de As Lagoas, con xogos, música e concurso, e pola noite actuacións das comparsas e festa con La Duendeneta.
O Entroido prolongarase unha semana máis, con festivais en Beluso e no Centro Social do Mar, que poñerán o broche final á edición de Entroido de Bueu 2026.
Por último, o Concello mantén aberto o prazo de inscrición para os premios de Entroido, que repartirán 6.500 euros entre as distintas categorías. As bases e o formulario poden consultarse na web municipal, animando así á participación de persoas e colectivos nunha das festas máis queridas da vila.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.