Axentes da Policía Nacional e da Policía Local de Vilagarcía tiveron que acudir ás dúas da madrugada deste luns para disolver unha pelexa acontecida na Praza Martín Gómez Abal.
Ao chegar as forzas de seguridade só puideron atopar a un home ferido na cabeza e inconsciente que estaba a ser atendido polas dúas persoas que deran parte do incidente e por unha muller que marchou sen identificarse.
Ao fuxir as restantes persoas implicadas na pelexa e non podelos identificar as testemuñas, os axentes accederon á gravación dunha cámara de seguridade que captou a discusión e posterior pelexa entre os tres homes, polo que dispoñen da descrición e estanse a facer as pescudas para dar cos dous agresores.
Na gravación tamén se ve á muller que intentaba separalos e que foi a avisar aos outros dous homes que aparecen posteriormente nas imaxes.
Segundo as testemuñas, nun primeiro momento, o agredido incorporouse e sentouse, esborrallándose minutos despois, quedando inconsciente, non respondendo a ningún tipo de estímulo e cun tremor nunha man.
Nestas condicións estaba cando chegou a ambulancia que o trasladou ao Hospital do Salnés.
A poucos metros do ferido, a Policía atopou un sobre cunha substancia que semellaba marihuana e un chisqueiro, así como un teléfono móbil e unha carteira que contiña o DNI da vítima, o que permitiu identificala.