Unha cadea humana uniu este domingo o colexio San Clemente de Caldas de Reis coa casa dunha das nenas afectadas pola situación que está a vivir o centro pola supresión dunha unidade de educación infantil.
Trátase dunha das medidas de protesta convocada pola comunidade educativa en defensa deste colexio.
Nesta ocasión, quixeron visibilizar "unha das situacións absurdas" provocada pola "supresión irregular" da terceira unidade de infantil do centro: unha nena non poderá escolarizarse no centro a pesar de vivir a tan só medio quilémetro.
A cadea humana foi, segundo a organización, un "éxito rotundo" e unha mobilización "histórica". Participaron máis de medio milleiro de persoas que quixeron cuestionar a "decisión arbitraria" da Xunta con este colexio.
A terceira unidade de Infantil foi suprimida no inicio deste curso, debido ao que se presentou como un "erro administrativo" ao contabilizar o número de matrículas. Porén, en lugar de corrixilo e repoñer a situación inicial, desde a comunidade educativa explican que Educación optou por "poñer un parche, unha profesora do Plan MEGA, e condicionar a reapertura da unidade á consecución de matrícula suficiente para o curso 2025-2026.
Chegado o prazo de matrícula, o colexio contaba con 11 solicitudes. A comunidade educativa indica que a consellería, "en lugar de cumprir o seu compromiso", decidiu deixar fóra a dous dos nenos. O seu argumento era, precisamente, "que non existía esa terceira unidade de Infantil onde poder inscribilos".
Ante o que consideran unha "inxustiza", e despois de recoller máis de 1.500 sinaturas en defensa da unidade, as familias propuxeron esta nova mobilización.
Entre as persoas presentes na cadea humana había representantes as tres forzas políticas do concello, encabezadas polo alcalde, Jacobo Pérez (PSdeG) e o tenente de alcalde, Manuel Fariña (BNG).
Tamén estiveron os tres anteriores alcaldes de Caldas, Adolfo Abalo, José María Tobío e Juan Manuel Rey, e persoas do PP.
Tamén se sumou unha representación do corpo docente e do persoal do colexio e traballadores doutros centros da contorna, así como antigos profesores, como o ex director, Juan Manuel Puente.