Cales son os requisitos para obter un permiso para facer unha fogueira de San Xoán?

Pontevedra
07 de xuño 2024

Este venres foi publicado o decreto da Alcaldía polo que quedan acordadas as normas para a celebración das fogueiras do San Xoán. Os particulares que queiran celebrar unha fogueira deberán solicitar o permiso necesario antes do 17 de xuño, ben por vía telemática, ben de xeito presencial

Cacharela de San Xoán da Asociación de Veciños Eduardo Pondal Mónica Patxot

A persoas, organizacións ou comunidades que queiran facer fogueiras, cacharelas, sardiñadas, churrascadas ou actividades similares en lugares públicos de Pontevedra deberán solicitar permiso. 

Este venres, o Concello de Pontevedra acaba de publicar o decreto da Alcaldía polo que se acordan as normas.

O prazo para a comunicación das fogueiras de San Xoán, na noite do 23 de xuño, estará aberto até o día 17 de xuño ás 13 horas, e poderá ser solicitado de xeito telemático ou de xeito presencial no propio Rexistro do Concello de Pontevedra, na planta baixa de Michelena 30, coa presentación debidamente cumprimentada do modelo 906; ou tamén nas dependencias da Policía Local na rúa Alexandre Bóveda en horario de 09.00 a 13.00 horas.

Como é habitual, o bando emitido desde a Alcaldía recolle todas as consideracións necesarias para a celebración segura e legal da tradicional noite de San Xoán.

Dentro de estas normas, e a maiores da presentación da documentación necesaria, lémbrase que as fogueiras terán que distar un mínimo de 15 metros ás edificacións e árbores.

O diámetro máximo de zona de combustión da fogueira será de 4 metros de ancho cunha altura máxima de 2 metros.

As persoas asistentes á fogueira non poderán concentrarse a unha distancia inferior á do ancho da fogueira respecto do perímetro exterior.

Ademáis, os materiais a empregar na combustión serán: leña, pólas, toros de árbores e vellos materiais de madeira de calquera clase. Prohíbense calquera outro tipo de material, especialmente: os neumáticos, plásticos, latas, botellas, materiais con PVC en xeral e similares, así como botar aerosois, aceites ou líquidos combustibles ou calquera substancia explosiva. Lémbrase que un bote de aerosol, aínda baleiro, pode orixinar unha explosión importante.

Prohíbense as fogueiras baixo tendidos eléctricos, telefónicos, etc.

Prohíbese tamén a realización de fogueiras sobre vías públicas pavimentadas, xardíns ou zonas verdes en xeral.

A persoa solicitante terá que acatar as normas ou instrucións que poidan ditar os axentes dos Corpos da Policía Local ou Bombeiros.