Carme da Silva: "Asinamos un convenio coa praza porque nos interesa utilizala"

Pontevedra
11 de agosto 2014
Actualizado: 13 de agosto

A concelleira de Festas mantén que a posición do Concello é contraria ás corridas de touros, pero defende que "necesitamos praza" para outros eventos como a Feira Franca ou a Cabalgata de Reis. O colectivo Galicia Mellor Sen Touradas pedirá a supresión deste convenio

A concelleira Carme da Silva durante unha rolda de prensa
A concelleira Carme da Silva durante unha rolda de prensa / PontevedraViva
Declaracións de Carme da Silva sobre o convenio coa praza de touros /

Un día despois do peche da Feira da Peregrina, a concelleira de Festas de Pontevedra, Carme da Silva, reiterou a posición do Concello contraria ás touradas.

Da Silva defende que "sempre estivemos en contra" e que é o Parlamento de Galicia o que debe lexislar nesta cuestión, posto que "o Concello non pode facer nada" ao tratarse dunha empresa privada, non dunha praza municipal.

A concelleira do goberno local asegurou que "é algo que se nos leva criticando dende o ano 99, pero aquelas cousas que estaban na nosa man eliminar o fixemos, como a raíña das festas".

Non obstante, a existencia dun convenio entre o Concello de Pontevedra e a empresa propietaria do coso de San Roque, fixado en 47.500 euros* para as anualidades 2014 e 2015, provocou as críticas de colectivos como Galicia Mellor Sen Touradas, que expresou a súa intención de dirixirse á institución local e solicitar o fin desta colaboración.

Carme da Silva: "Necesitamos a praza porque sería absurdo montar gradas para o torneo da Feira Franca"

 

Segundo defende o seu voceiro, Rubén Pérez, "non podemos destinar nin un céntimo a convenios ou outra clase de acordos que revirtan nas contas de empresarios taurinos. O Concello non precisa a praza para nada". Entende este colectivo que continuar con este convenio "aínda que non pretenda subsidiar directamente ao entramado taurino, é un atranco para un proceso cidadán a prol da fin dos eventos tauromáquicos en Pontevedra".

A este respecto Carme da Silva recoñeceu que "nos asinamos un convenio coa praza porque nos interesa usala" para eventos como a Feira Franca ou a Cabalgata de Reis. "Nós necesitamos a praza porque sería absurdo por exemplo montar gradas para o torneo da Feira Franca cando hai unha infraestructura para facelo", sinalou a concelleira.

Galicia Mellor Sen Touradas, que valorou positivamente a manifestación convocada o pasado sábado na cidade, solicita ademais que a cidade sexa declarada como "libre de touradas".

 

* A diferenza entre os 40.000 euros que inicialmente se indicaban na noticia e os 47.500 euros anuais débese ao IVE, segundo aclarou posteriormente o Concello de Pontevedra