Carmela Silva non quere disculpas polos insultos porque "non son suficientes" cando se "agrede" a mulleres

Pontevedra
03 de febreiro 2016

Escasas horas despois de anunciarse a dimisión de Jorge Caldas como concelleiro do Partido Popular en Moraña, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, a quen chamou "mala zorra y sinvergüenza", reclamou máis responsabilidade ao PPdG

Carmela Silva, na inauguración da exposición "Violencia Zero" Deputación de Pontevedra

Foi no contexto da inauguración dunha exposición sobre violencia machista onde a presidenta da Deputación, Carmela Silva, expresou a súa opinión sobre a dimisión do concelleiro do PP en Moraña, Jorge Caldas.

Este cualificábaa de "mala zorra y sinvergüenza" na súa conta persoal de Facebook. A mandataria socialista vinculou precisamente ese feito reflectido nas redes sociais como un exemplo máis de "agresión verbal a unha muller". Afirmou que a dimisión era obrigada e que "non había outra posibilidade" porque viña dun cargo institucional "que ten a obrigación de defender ás mulleres e de ser exemplo de loita pola igualdade".

Pero Carmela Silva asegurou que "non quero desculpas nin as admito" e desvelou que ninguén do PP chamouna para mostrarlle o seu apoio. A pesar diso, insiste en que "non quero desculpas nin chamadas, só quero que o PP tome decisións para acabar con estes comportamentos".

Lonxe de estimar suficiente a dimisión do concelleiro e tenente de alcalde en Moraña, Carmela Silva demandaba máis responsabilidades: "a violencia de xénero ten que ter un custo grave e a dimisión era a única posibilidade; pero non é suficiente", engadiu, reclamando que o autor destes insultos "gravísimos contra unha muller", ten que ser expulsado do PP.

"E a alcaldesa, Luisa Piñeiro, co seu silencio e o seu "me gusta" ás barbaridades que se escribiron en Facebook fíxose cómplice e ten que adquirir responsabilidades. Non pode quedar na sombra, é moi grave", engadiu Silva.

De igual maneira, referíase a manifestacións do presidente do PPdG e de mulleres dirixentes deste partido que reclamaran desculpas. Unha fórmula que considera insuficiente, xa que como explicaba é o proceder dos maltratadores e "forma parte do círculo do terror". Así apelou ao PP para que: "se sume á decencia da sociedade que reclama unha loita de verdade contra a violencia de xénero", afirmando estar "harta" da reiteración deste tipo de insultos.

Carmela Silva deixou nun segundo plano a posibilidade de trasladar a título persoal este caso á Fiscalía, tal e como sinalaba o secretario provincial dos socialistas, Santos Héctor, que faría a súa formación política.